Manel Cráneo abre no MIHL o primeiro encontro de banda deseñada histórica que se celebra en Galicia

Carmen Basadre participou neste charla, enmarcada dentro da programación do Arde Lvcvs Cvltvral. O encontro inclúe dúas conferencias máis os días 13 e 20 de abril e dous obradoiros, o 14 e 21

Venres, 06 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Manel Cráneo abre no MIHL o primeiro encontro de banda deseñada histórica que se celebra en Galicia

O ilustrador Manel Cráneo abriu este venres, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), o primeiro encontro de banda deseñada histórica que se celebra en Galicia. Fíxoo coa conferencia Proceso técnico creativo da banda deseñada histórica, ante a atenta mirada de numeroso público.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou neste charla, enmarcada dentro da programación do Arde Lvcvs Cvltvral, organizada polo Concello para quentar motores para a celebración do Arde Lvcvs. Concretamente con esta actividade, búscase aproveitar a presenza dalgúns dos mellroes ilustradores de Galicia para que as persoas participantes aprendan a debuxar a historia do Arde Lucus. Deste xeito os profesionais poden dar nocións de como ilustrar certas temáticas da vida galaico-romana da época.

Neste primeiro encontro, que continuará, nas mesmas instalacións municipais, os venres 13 e 20 de abril, e os sábados 14 e 21, participarán tamén os ilustradores Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero e Pepe Carreiro. Inclúe dúas charlas máis sobre cómic histórico (especialmente da época romana e castrexa) os venres e dous obradoiros os sábados -un para nenos e nenas, e outro para adultos-, para os que é preciso inscrición previa, que xa se pode facer a través do 010 ou no teléfono 982297350 para as de fóra de Lugo. A fin de semana que vén, a conferencia do venres versará sobre a cultura castrexa na banda deseñada e o obradoiro estará dirixido aos máis cativos da casa.

Algunhas das ilustracións resultantes destes obradoiros poderían aparecer publicadas na web oficial do Arde Lucus e serán distribuídas a través das redes sociais deste I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia. Na propia celebración das festas, os seis ilustradores participantes no encontro percorrerán os puntos fundamentais dos festexos, declarados de Interese Turístico Nacional, e realizarán debuxos en directo.

Máis información en www.lugo.gal

Noticias relacionadas