Mañá remata o prazo de inscrición para participar na proba Corre con Nós, na que xa se anotaron máis de 2.000 persoas

Todos os interesadas en participar nesta carreira deportiva que se celebrará o vindeiro sábado 16 de xaneiro aínda poden inscribirse en www.championchipnorte.com

Luns, 11 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá martes, 12 de xaneiro, remata o prazo de inscrición para participar na proba deportiva Corre con Nós. Nocturna Monumental, que a Concellería de Deportes, dirixida por Miguel Fernández, organiza para o vindeiro sábado, 16 de xaneiro. Trátase dunha carreira enmarcada na 16ª edición do Circuíto Larsa Corre con Nós. As persoas interesadas en participar aínda poden anotarse en www.championchipnorte.com

Tal e como informou Fernández, xa se anotaron máis de 2.000 persoas para disputar esta proba, o que dá conta da boa acollida e do éxito desta carreira, “un referente no calendario deportivo non só da cidade de Lugo, senón da provincia e incluso de Galicia”. Do total, 99 inscritos pertencen á categoría mini (nados no 2010 e 2011 e de caracter non competitivo), 195 á categoría A (nados no 2007, 2008 e 2009), 96 á B (2004, 2005 e 2006) e 61 á C (2001, 2002 e 2003). En canto á categoría de adultos, son 1.619 os inscritos.

A recollida de dorsais farase o mesmo día da proba, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no Centro Comercial As Termas. A carreira dará comezo ás 18:00 horas para as categorías infantís e ás 19:00 horas terá lugar a saída para a categoría adulta. O punto de partida será a Praza Maior.

Máis información en www.lugo.gal

Audio

Noticias relacionadas