Mañá ábrese o prazo para solicitar prazas de novo ingreso nas escolas infantís municipais para o curso 2016/2017

As solicitudes deberán presentarse debidamente cumprimentadas no Rexistro Xeral do Concello ata o 23 de marzo

Luns, 29 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As catro escolas infantís que creou e mantén o Concello de Lugo –Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburguer- abren mañá o seu prazo de matrícula para o curso 2016/2017, tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia deste luns, 29 de febreiro. O prazo para presentar as solicitudes de ingreso queda establecido en 20 días hábiles a partir de mañá, é dicir, ata o 23 de marzo, tal e como deu a coñecer o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez. As solicitudes deberán presentarse debidamente cumprimentadas no Rexistro Xeral do Concello.

En total, as 4 escolas municipais ofrecen 238 prazas para nenos de 0 a 3 anos, das que se reservarán 21 prazas en cada escola para nenos e nenas matriculadas no curso actual e 3 prazas de emerxencia social en cada unha delas. Deste xeito, o Concello ofertará 37 prazas de novo ingreso nas escolas Serra de Outes, Greogrio Sanz e Luis Soto Menor, 7 prazas de 3 meses a 1 ano, 4 de un a dous anos e 26 de 2 a 3 anos. Por outra banda, a escola María Wonenburguer ofertará 31 prazas de novo ingreso, 7 para cativos de 3 meses a 1 ano, 4 para nenos de 1 a 2 anos, e 20 de 2 a 3 anos.

As escolas infantís Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor contan cada unha delas con 61 prazas, distribuídas en catro aulas: unha de 0 a 1 anos, con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas para nenos de 2 a 3 anos, con 20 cada unha. No caso da escola María Wonenburger, dispón de 55 prazas, repartidas nunha aula de 0 a 1 anos con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas de 2 a 3 anos, con 17 prazas cada unha.

Neste senso, o Concelleiro reiterou a necesidade de que o Goberno Autonómico cree novas garderías públicas e centros de educación infantil en Lugo, unha demanda que xa lle manifstou a rexedora ao presidente da Xunta nunha reunión o pasado mes de agosto. Na actualidade, Lugo conta con dous centros de titularidade autonómica, nos que máis de 270 nenos e nenas figuran en lista de espera.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre o novo ingreso nas escolas infantís municipais |Descargar mp3

Noticias relacionadas