O Concello considera inxustificado o atraso, logo de transcorridos 20 días desde a sinatura do convenio que debía permitir a instalación do comedor provisional.
A solución móbil resulta imprescindible mentres non se executa a ampliación definitiva do centro educativo.
“Falamos dun atraso inxustificado e inaceptable nun servizo esencial para as familias; o comedor móbil debe estar operativo o 8 de xaneiro”, subliñou o alcalde.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reclamou esta mañá á Xunta de Galicia a instalación inmediata do comedor móbil no CEIP Fingoi II, cando xa pasaron 20 días desde a sinatura do convenio que debía permitir dar resposta provisional ás necesidades do alumnado mentres non se executa a ampliación definitiva do centro. O rexedor considera inxustificado e inaceptable este atraso, especialmente tendo en conta que o comedor debe estar operativo para o inicio do período lectivo o vindeiro 8 de xaneiro.
O Executivo municipal, a través do concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, lembrou que a urxencia desta actuación foi reiteradamente posta de manifesto tanto pola comunidade educativa como polo propio Concello, que vén reclamando desde hai tempo unha solución inmediata para garantir un servizo esencial para as familias e para o benestar dos nenos e nenas do centro.
“Esta actuación enmárcase nun proceso impulsado polo Concello de Lugo, que conseguiu, a través da presión institucional e do diálogo constante coa Consellería de Educación, o compromiso da Xunta de Galicia para iniciar as obras de ampliación do centro nun prazo inferior a dous anos”, explicou o rexedor. O obxectivo é que o CEIP Fingoi II conte cun comedor permanente, estable e plenamente adaptado aos estándares de calidade educativa. Con todo, mentres esa solución definitiva non sexa unha realidade, o comedor móbil resulta imprescindible para garantir a conciliación das familias e unhas condicións dignas para o alumnado.
O Goberno local lembra tamén que, tal e como xa explicou no seu día o concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, a aprobación do convenio está condicionada ao pagamento das taxas correspondentes á licenza de obra necesaria para a instalación da estrutura móbil, unha obriga recollida na normativa vixente e que corresponde ao promotor da actuación, neste caso á Xunta de Galicia. Desde o Concello sublíñase que a administración local cumpriu escrupulosamente con todas as súas obrigas e que non existe ningún impedimento técnico nin administrativo que xustifique a demora.
Por todo isto, o alcalde instou á Consellería de Educación a desbloquear de inmediato a situación e a executar sen máis dilación a instalación do comedor móbil, de xeito que estea plenamente operativo para o inicio das clases o próximo 8 de xaneiro, dando así cumprimento aos compromisos asumidos e atendendo unha demanda xusta da comunidade educativa do CEIP Fingoi II.
O edil advertiu que o Goberno local seguirá vixiante e insistente, tanto para que esta solución provisional chegue canto antes como para que se avance, sen máis atrasos, cara á solución definitiva que o centro educativo merece.

