Máis de 600 vivendas do centro histórico foron reformadas a través das actuacións da Área de Rehabilitación Integral

A Xunta de Goberno aprobou hoxe unha nova fase, a 14ª, cuxo orzamento o Concello tivo que reprogramar porque a Xunta reduciu a cero as achegas e Fomento baixounas case á metade

O plan, que deberá materializarse nun convenio, contará entre este 2015 e o 2016 cunha dotación económica de 685.000 euros para rehabilitar un mínimo de 21 vivendas

Mércores, 26 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández, voceiro municipal

Dende a declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) no centro histórico de Lugo, no ano 1995, desenvolvéronse 13 fases, grazas ás que se rehabilitaron máis de 600 vivendas. A Xunta de Goberno deste mércores aprobou hoxe unha nova fase, a 14ª, cuxo orzamento o Concello tivo que reprogramar porque a Xunta reduciu a cero as achegas e Fomento baixounas case á metade, pasando de 540.000 a 240.000 euros, subvención outorgada a través do Plan Estatal de Fomento de Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas 2013-2016.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou que, deste xeito, a 14ª fase do plan de recuperación do casco histórico contará entre este 2015 e o 2016 cun orzamento total de 685.000 euros, dos que o Ministerio de Fomento achega 240.000 euros, o 35% do total: 96.600 euros neste 2015 e 143.300, no 2016. O Concello achegará 16.714 euros, destinados a sufragar o equipo técnico de xestión, deles 6.700 euros no 2015 e 9.900, no 2016. Os propietarios ou promotores aportarán 429.000 euros: 172.700 no 2015, e 256.200, no 2016.

Con este programa, rehabilitaranse un mínimo de 21 vivendas no caso histórico da cidade, actuacións que recibirán un máximo de 11.000 euros de axuda por vivenda e estarán principalmente dirixidas a corrixir patoloxías de orixe estrutural, humidades, filtracións, illamento térmico, e favorecer a eficiencia enerxética e a accesibilidade.

A finais de ano

“Esta programación de investimentos que hoxe aprobamos na Xunta de Goberno deberá materializarse nun convenio a tres bandas: Concello, Xunta e Fomento. Esperamos en todo caso que as actuacións de rehabilitación poidan comezar a finais de ano”, explicou o voceiro.

O Concello confía en que nas vindeiras convocatorias deste tipo de fondos, “Fomento e Xunta aumenten o financiamento para poder darlle un pulo a esta iniciativa que supón modernizar e revitalizar a zona centro da cidade, impulsar a eficiencia enerxética e, ao mesmo tempo, leva consigo un revulsivo para o sector da rehabilitación de vivendas”.

A oficina de rehabilitación que xestiona as actuacións da ARI do casco histórico funciona na sede de Evislusa, e agora, entre outros proxectos, traballa na execución da fase 13 do programa.

Audio

  • Sobre o Plan Estatal de Fomento de Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas 2013-2016 | Descargar mp3

Noticias relacionadas