Máis de 200 familias participaron nos obradoiros artesanais de Arde Lucus organizados por Deputación e Concello

Venres, 08 de xuño de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Preto de 300 persoas tomaron parte nos 29 cursos adicados á elaboración de traxes, pezas de uniformes, coroas de loureiro, papiros e pel e nos temáticos para nenos de 3 a 5 anos

Este mércores tivo lugar a derradeira xornada do obradoiro de elaboración de pezas militares, o último dos cursos que Concello e Deputación organizaron con motivo da celebración do Arde Lucus e que se celebraron nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño. Este foi un dos 29 cursos que arrincaron o pasado mes de abril e que naceron coa intención de ensinar ás máis de 200 familias que integran as ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) dos colexios públicos e concertados de Lugo a elaborar os seus propios traxes e complementos para participar na cita festiva que se celebrará entre os días 22 e 24 de xuño na capital.

Preto de 300 participantes, entre adultos e nenos dos colexios de Albeiros, Casás, Maristas, Menéndez Pelayo e Sagrado Corazón tomaron parte nos 29 obradoiros programados. Nos tres obradoiros de traxes, os asistentes recibiron nocións de corte e confección para poder facer patróns de vestimentas de romanos e castrexos; nos dous de papiros, empregaron plumas de cálamo e tinta e aprenderon a escribir con alfabeto romano en minúsculas e maiúsculas (o chamado alfabeto trajano); nos oito cursos de traballos en coiro, fabricaron sandalias, pulseiras e bolsos con este material; nos sete de coroas, empregaron loureiro e mesmo flores para facer adornos de diferentes tipos e nos catro de pezas de uniformes, con cartón-pluma e arxila fixeron corazas e cascos de oficial romano, así como escudos de guerreiros castrexos. Os máis demandados foron os de traballos en pel e elaboración de coroas de loureiro, aínda que a participación foi máis que salientable en todas xornadas formativas.

Finalmente, os cinco obradoiros restantes foron os organizados para os máis pequenos, nos que case 50 nenos de 3 a 5 anos gozaron de actividades temáticas relacionadas coa festa e adaptadas ás súas habilidades, para pasar ratos de lecer mentres os maiores se adicaban a tarefas de máis complexidade. Deste xeito, facilitouse a asistencia de todos os membros de familiar, que puideron aproveitar ó máximo estas actividades formativas.

www.ardelucus.com

 

Multimedia

Noticias relacionadas