Lugo10 estrea nas redes sociais o primeiro Lipdub de Lugo

Xoves, 21 de outubro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Tra-lo grande éxito acadado na convocatoria do primeiro Lipdub organizado en Lugo, chega o momento de disfrutar do resultado. Durante estes días, un equipo da Fundación TIC traballou na montaxe e edición do videoclip gravado o pasado 10 de outubro na Praza de Ferrol de Lugo, protagonizado por centos de persoas que bailaron e cantaron ao ritmo do coñecido tema “Salta” do grupo Tequila.

A orixinal actividade forma parte das diferentes accións programadas nos entornos dixitais para o proxecto Lugo10, que conmemora o Décimo Aniversario da Muralla Romana como Patrimonio Mundial e que congregou, na Praza de Ferrol, a preto de cincocentas persoas que disfrutaron durante a gravación do vídeo.

Despois de recoller múltiples agasallos, ofrecidos polos patrocinadores de Lugo10: botellas de Cocacola conmemorativas do Décimo Aniversario, mochilas, camisetas ou libretas de Telefónica, camisetas có slogan Lugo10 de nota! do Concello de Lugo, ou diverso material de Fundación Azkar e Gestagua, os participantes, guiados por membros da escola Star Dance, colocáronse dende a Porta Falsa ata a Praza de Ferrol para subir polas escaleiras que dan a Muralla Romana. Unha vez preparados e baixo un ambiente de diversión e participación, un equipo da Fundación TIC foi o encargado da gravación nunha toma secuencial. O acto concluíu cun gran salto de tódolos participantes, facendo honor así a canción seleccionada, “Salta”, do grupo Tequila, seleccionada a través de votación nas redes sociais.

A través de centos de comentarios na páxina en Facebook de Lugo10 (facebook.com/Lugo10), os usuarios mostraron o seu desexo de ver o resultado final. O vídeo xa está rematado, e será presentado en primicia a través desta mesma páxina mañá venres 22 de outubro a partir das 10.00 horas. Do mesmo xeito, tamén será difundido a través doutras plataformas e redes sociais co obxectivo de viralizar a imaxe da nosa muralla e a nosa cidade a través da rede.

www.lugo10.es

 

Multimedia

Noticias relacionadas