Lugo, Tábua e Florencia subscriben unha declaración de intencións políticas para mellorar o emprego xuvenil, froito do 'Young Lab'

Ana Prieto e Carmen Basadre clausuraron esta tarde no CEI-NODUS esta iniciativa, que fomentaba a participación dos mozos na construción democrática a nivel local, buscando solucións conxuntas ao desemprego xuvenil

Venres, 01 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, Tábua e Florencia subscriben unha declaración de intencións políticas para mellorar o emprego xuvenil, froito do Young Lab

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, clausuraron esta tarde o proxecto Young Lab, unha iniciativa financiada no marco do programa europeo Erasmus+ liderada polo Concello de Lugo, coa colaboración do municipio de Tábua e a organización Rete Educare ai Diritti Umani de Italia, para fomentar a participación activa dos mozos na construción democrática a nivel local, promovendo a súa consciencia cidadá a través da busca de solucións conxuntas para o desemprego xuvenil.

Durante a clausura, que tivo lugar no CEI-NODUS e á que asistiron membros da Corporación Municipal, representantes da Deputación e da Delegación da Xunta en Lugo, Prieto destacou que o Concello leva anos dedicado á participación en proxectos europeos relacionados coa educación, a xuventude, o emprego e a formación, participa nesta convocatoria, “posto que se enmarca dentro da nosa preocupación polo desemprego do municipio, especialmente o xuvenil, que é dun 35% na provincia de Lugo e un 43% en Galicia, cifra que duplica á media europea”. Nesta liña, alertou dos perigos que supón perder á xeración máis moza, “motivo polo que as administracións debemos traballar neste problema, e polo cal dende o Concello poremos en marcha un plan de emprego municipal.

Pola súa banda, Basadre convidou aos participantes a continuar interesándose e concienciándose da necesidade de implicarse na vida das institucións e insistiu na importancia dos intercambios xuvenís, que lle ofrecen aos rapaces a oportunidade de desenvolver as súas habilidades, gañar experiencias interculturais, novas formas de coñecemento e aprender sobre a cooperación.

Emprendemento, formación, orientación e acceso ao mercado laboral
Esta foi a cuarta e última xuntanza entre os mozos que participaron neste proxecto, na que Lugo, Tábua e Florencia subscribiron unha declaración de intencións políticas para mellorar o emprego xuvenil. Nesta declaración, elaborada polos participantes, as administracións locais comprométense a crear mecanismos áxiles e concretos de financiamento de proxectos promovidos pola mocidade, a consolidar un concurso de emprendemento nos centros educativos, en facilitar a posibilidade de creación de empresas a través de coachs, de establecer un acordo consensuado con educadores, grupos políticos, familias e mozos que promova o traballo cooperativo e creativo, e de promover períodos no estranxeiro, tanto académico como profesionais, así como un maior vínculo entre o mundo da ensinanza e as empresas. Ademais este acordo insiste na necesidade de dotar de recursos humanos de orientación profesional nos centros, e crear un programa para o coñecemento das áreas de traballo coa divulgación dende idades temperás, así como de mellorar a información e acceso ao sistema de garantía xuvenil, fomentar a participación das empresas na formación dos mozos, crear un sistema de información inmediato da oferta de traballo e achegar as ferramentas dispoñibles na busca de emprego nos centros educativos, por exemplo a través de charlas.

Previamente á elaboración desta declaración de intencións, os mozos e mozas puxeron de manifesto unhas consideracións en canto a decisións relativas a educación, ámbito social e emprego. Ademais, realizaron un grafitti do encontro no CEI-NODUS.

Encontro permanente no tempo
Co YOUNG LAB, o Concello quere crear un espazo de encontro, de diálogo e de participación que perdure no tempo e que permita atopar solucións compartidas a temas de interese local.

Esta foi a primeira vez que o Concello de Lugo executa unha iniciativa co Young Lab, que está subvencionado ao 100% pola Unión Europea e que se sacou adiante na Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, coa colaboración da área de Xuventude.

O proxecto contou coa participación de 50 mozos e 20 responsables ou expertos no ámbito da mocidade. A iniciativa, que tivo en conta a igualdade de xénero, dividiuse en catro fases. A primeira delas, a presentación, tivo lugar en Lugo no mes de maio. A segunda foi un debate para elaborar recomendacións comúns sobre o emprego xuvenil, que tivo lugar en Tábua, e a terceira, unha xuntanza para elaborar un documento final que idee fórmulas e recomendacións para combater o desemprego xuvenil, para que empreguen as institucións e organizacións participantes, un encontro celebrado en Florencia.

Noticias relacionadas