Lugo, modelo de intervención e conservación arqueolóxica nun encontro sobre patrimonio do Consello da Cultura Galega

O Concello expón hoxe nun foro en Santiago as actuacións realizadas para poñer en valor a través dunha ventá arqueolóxica os restos do Templo Romano, que se atopan xunto ao Círculo das Artes

Luns, 27 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo participa hoxe en Santiago de Compostela no Encontro Monográfico do Patrimonio Cultural, unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega, Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que baixo o nome de Arqueoloxía na cidade. Dúas intervencións nos xacementos romanos de Lugo e Vigo, analiza a problemática da arqueoloxía urbana, coa exposición de dous casos coincidentes no tempo e problemática, pero con resultados diferentes, que dan pé a unha reflexión sobre a calidade das intervencións, así como da efectividade e eficacia da xestión patrimonial. Neste encontro, un arqueólogo da entidade local analizará a intervención arqueolóxica e conservación dos restos do Templo Romano, que se atopan xunto ao Círculo das Artes, unha actuación para a cal se asinou un convenio de colaboración entre ambas entidades, cunha achega económica procedente do Plan Urban, para amosar estes restos arqueolóxicos a través dunha ventá arqueolóxica. Ademais desta, a entidade local ten abertas outras 4 ventás no casco histórico de Lugo e unha máis no Vello Cárcere.

Neste encontro monográfico participarán ademais arqueólogos das delegacións de Pontevedra e de Lugo da Consellería de Cultura, así como un da Universidade de Vigo e unha arqueóloga da empresas encargada de realizar a intervención na cidade olívica.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, destacou a importancia destes encontros, nos que se promove, se pon en valor e en coñecemento o patrimonio que atesoura Lugo. Neste senso, a edil lembrou a participación de Lugo nun simposio de Murallas Patrimonio da Humanidade en Ávila hai unhas semanas, así como nun seminario turístico en Florencia no pasado mes de marzo.

Noticias relacionadas