Lugo espertará coas rúas limpas coa implantación dun servizo de limpeza nocturna

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Limitarase o horario de ubicación dos colectores no centro histórico

Poñeranse en funcionamento novos servizos de baldeo e un sistema de recollida selectiva porta a porta no centro histórico

O Concelleiro de Medioambiente, Lino González Dopeso, presentou esta mañá xunto ao Xerente de Urbaser, Juan Pablo Guerrero, a nova estrutura do servizo municipal de limpeza da cidade.

O pasado mes de maio comezou a implantación do servizo de recollida de lixo dos colectores co innovador sistema de carga lateral que conta cunha inversión de catro millóns de euros.

Para poder aplicar este sistema dun xeito eficaz, organizouse a implantación progresiva a través de cinco rutas urbanas (zonas noreste, noroeste, sureste, suroeste e centro). Na actualidade, o sistema de recollida con carga lateral xa está consolidada en tres áreas e, durante a primeira semana de setembro, está previa a implantación na zona sureste e a mediados de mes na zona do centro, tal e como explicou o edil.

Coa consolidación definitiva do sistema de recollida de carga lateral culmina a primeira fase da estruturación da limpeza municipal e iníciase a segunda fase do proxecto coa entrada en funcionamento de novos servizos. A recollida de carga lateral realizase coa nova equipación mecánica, que precisa un menor número de operarios para o seu funcionamento, o que permite ampliar o servizo de limpeza viaria con máis traballadores.

A estrutura definitiva do servizo de limpeza organízase en tres funcións básicas: a prerrecollida (que consiste na limpeza diaria das papeleiras e dos colectores), a recollida e a limpeza viaria.

Unha das principais novidades, con respecto á recollida, consistirá na retirada diaria dos colectores no centro histórico entre ás 12:30 e 1:30 da madrugada e serán reubicados cada noite a partir das 20:00 horas para a deposición e recollida do lixo. Deste xeito, compaxínase a conservación do patrimonio histórico, ao eliminar elementos que afean o contorno monumental, coa limpeza urbana.

O centro histórico tamén contará cun sistema de recollida porta a porta de residuos de cartóns, vidros e plásticos que realizarán tres operarios entre as 15:30 e as 21:30 horas.

Ademais, a recollida selectiva aumenta en toda a cidade debido á maior capacidade dos novos camións de carga lateral e contará con cinco peóns e cinco condutores. A recollida de plásticos e envases será realizada cada noite entre as 23:00 e as 5:30 horas, mentres, a de vidro levarase a cabo entre as 7:00 e as 13:30 horas; e a de papel cada mañá entre as 6:00 e as 12:30 horas.

Novos servizos de limpeza viaria
A nova estruturación do servizo de limpeza da cidade incorpora importantes novidades no que se refire á limpeza viaria, que conta con nova maquinaria de última tecnoloxía e máis operarios.

O Concello implantará a partir de mediados de setembro un servizo de limpeza nocturna das rúas da cidade o que favorecerá que Lugo esperte limpo. Para estes traballos destinaranse tres carritos mecánicos de limpeza e seis operarios que traballarán por parellas en tres zonas da cidade cada noite. Estas operacións de baldeo manual nocturno intensificaranse nas zonas de ocio e nos paseos.

Para organizar o servizo de barrido manual divídese a cidade en seis zonas e será realizado por un total de 18 operarios. Cada área será atendida por un equipo de tres operarios, un dos cales realizará un barrido intensivo manual en cada zona.

Ademais, a limpeza dos distintos barrios da cidade será repasada cun sistema de barrido motorizado cada mañá, entre as 7:00 e as 14:30 horas, por dous operarios con motocarros, e cada tarde cun barrido manual realizado por tres peóns. O mercado e a praza de abastos contará cun operario que se ocupará do barrido diario destas instalacións.

Este servizo complétase co barrido mecánico para o que se destinan sete minibarredoras diarias (catro pola mañá e tres pola tarde) distribuídas por toda a cidade e catro novas barredoras que limparán distintas zonas cada mañá.

A aposta máis forte do Concello na limpeza viaria consiste no sistema de baldeo das rúas para o que foron adquiridas catro camións cisterna de 8.000 litros de capacidade e catro baldeadoras de alta presión que limparán todas as mañás as beirarrúas lucenses.

A implantación do sistema de recollida lateral permite derivar operarios a novas funcións, xa que as máquinas requiren menos mande obra para o seu funcionamento, o que favorece a ampliación de servizos e a creación de outros novos, como é o caso da Brigada de Servizos Varios, que entre outras funcións, se ocupará da limpeza de maleza cun tractor especial e unha desbrozadora.

Noticias relacionadas