Lugo entregarase ao running o vindeiro sábado coa carreira popular Corre con Nós, organizada polo Concello

Miguel Fernández presentou este mércores esta competición que disputarán máis de 2.500 corredores e que terá un recorrido de 4 quilómetros para os adultos e entre os 300 metros e os 2 quilómetros para as categorías infantís

Mércores, 13 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación do Corre con Nós

Os amantes do running teñen unha cita en Lugo o vindeiro sábado, 16 de xaneiro. A cidade acollerá a proba deportiva Corre con Nós. Nocturna Monumental, unha carreira popular enmarcada na 16ª edición do Circuíto Larsa Corre non Nós que engloba 6 carreiras de xaneiro a xuño. O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, presentou este mércores no Salón de Plenos esta competición que terá un recorrido de 4 quilómetros para os adultos e entre os 300 metros e os 2 quilómetros para as categorías infantís. Ao acto tamén asistiron representantes de Viesgo, Coca-Cola e Caixa Rural, colaboradores do evento.

“A carreira Corre con Nós enmárcase na nosa aposta por promover as actividades deportivas así como no noso compromiso co deporte, en todas as modalidades e para todas as idades”, subliñou Fernández, ao tempo que fixo fincapé no elevado número de participantes que se darán cita en Lugo “nesta proba deportiva de referencia na cidade e na provincia”, máis de 2.500 persoas, “o que da conta da boa acollida e do éxito desta carreira, tan esperada polos lucenses”.

Neste senso, tal e como deu a coñecer o Concelleiro, “Corre con Nós supón unha oportunidade única para gozar do entorno da cidade ao tempo que se practica deporte”.

Recorrido

A carreira partirá da Praza Maior entre as 18:00 e 18:30 horas para a categoría mini (nados no 2010 e 2011 e de carácter non competitivo), a categoría A (nados no 2007, 2008 e 2009), B (2004, 2005 e 2006) e C (2001, 2002 e 2003). Ás 19:00 horas terá lugar a saída para a categoría adulta. O punto de partida será a Praza Maior.

Os cativos e cativas da categoría mini realizarán un recorrido de 300 metros, ou o que é o mesmo, unha volta á Praza Maior, a partir das 18:00 horas. Ás 18:10 terá lugar a saída para a categoría A, que correrán 850 metros dende pola Praza Maior, Campo Castelo, Ronda da Muralla, rúa Ángel López Pérez, rúa Vilaba, Bispo Aguirre e volta á Praza Maior. Os corredores da categoría B sairán ás 18:20 e percorrerán 1.230 metros pola Praza Maior, Campo Castelo, Ronda da Muralla, Ángel López Pérez, Framón Ferreiro –ida e volta-, rúa Vilalba, Bispo Aguirre e Praza Maior. Por último, a categoría C percorrerá 2 quilómetros con saída ás 18:30 horas. O itinerario é o mesmo que a categoría B engadíndolle as rúas Rodríguez Mourelo e Doutor Portela –ida e volta-.

Os adultos sairán ás 19:00 horas e realizarán o mesmo recorrido que a categoría C, soamente que serán dúas voltas.

As vindeiras probas do circuíto terán lugar os domingos 14 de febreiro, 13 de marzo e 17 de abril, así como o sábado 7 de maio e o domingo 5 de xuño.

Máis información en www.lugo.gal

Audio

  • Miguel Fernández, durante a presentación do Corre con Nós |Descargar mp3

Multimedia

  • Itinerario menores
  • Itinerario adultos
  • Itinerario adultos

Noticias relacionadas