LUGO DISPORÁ DE 116 NOVAS PRAZAS DE GARDERÍA COA APERTURA DAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS DE SAN FIZ E A PIRINGALLA

Martes, 22 de xuño de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Educación propón xestionar mediante o sistema de concesión as novas escolas infantís municipais de San Fiz e A Piringalla.

O Pleno do Concello debaterá o vindeiro luns a proposta que permitirá abrir as dúas novas escolas infantís que ofrecerán ás familias lucenses 116 novas prazas para nenos de 0 a 3 anos.

O Goberno local propón a xestión indirecta das novas escolas infantís porque o Concello non ten posibilidade de dotalas con persoal propio unha vez que a lei de Presupostos Xerais do Estado deste ano limita o número de prazas de novo ingreso do persoal do sector público. Esta restrición impide a creación de novas prazas a maiores das tres que se convocaron na Oferta Pública de Emprego convocada a primeiros de ano, segundo explicou a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, quen lembrou que a nova escola infantil de San Fiz fíxose con fondos do Plan E e a da Piringalla con presuposto municipal.

Sonia Méndez tamén sinalou que a xestión a través dunha concesión non repercutirá na calidade do servizo, xa que as novas escolas infantís rexeranse polo mesmo regulamento e os mesmos requisitos e funcionarán igual ca as que xestiona directamente o Concello.

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, indicou que coas novas garderías Lugo disporá dun total de 236 prazas e con elas cubrirase a demanda existente no Concello de Lugo, que ten 120 alumnos en lista de espera. Vieiro confía en que os dous novos centros poidan entrar en servizo en xaneiro próximo.

Tamén informou de que o Concello inviste anualmente no mantemento das escolas infantís 320.000 euros ó ano. Os pais aportan 35.966 euros ó ano e a Xunta de Galicia 34.718.

Tocante á xestión mediante o sistema de concesión, a Concelleira de Educación indicou que así se xestionan, por exemplo, 15 das 17 escolas municipais de Madrid e as sete da Coruña que son de titularidade municipal.

Multimedia

Noticias relacionadas