Lugo continúa a mellorar a seguridade vial da súa rede viaria rural

O Concello comezará a vindeira semana o acondicionamento de dúas pistas nas parroquias de Benade e Adai, obras enmarcadas dentro dun programa financiado polo AGADER

Posteriormente, o Concello executará o rego asfáltico do vial de acceso ao Curutelo (Pías) e procederá á colocación dun caño de condución de auga e á instalación de bases para colectores en dous núcleos de Lamas

Venres, 12 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Ademais das obras de rebacheo e acondicionamento habituais, o Concello de Lugo iniciará a vindeira semana obras de mellora da seguridade vial da súa rede viaria rural. En concreto, as actuacións realizaranse en 780 metros da estrada de Benade que bordea ao núcleo de Airexe e que finaliza preto do núcleo de Fontes Novas e en 2.380 metros dun vial de Adai que atravesa os núcleos de Vilamaior e As Cancelas, e que remata nas proximidades do núcleo de Ferreiros. Así o indicou este venres o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, quen adiantou que se procederá á reconstrucción do firme en todo o seu espesor e se levará a cabo a limpeza de cunetas e taxeas co fin de restablecer a drenaxe lonxitudinal e transversal e evitar os efectos nocivos da auga sobre a pista municipal. As actuacións de mellora finalizarán coa execución dunha capa de rodadura basada en mistura asfáltica en quente. Trátase de obras de acondicionamento que contan cun orzamento de 114.000 euros e cun prazo de execución de 6 semanas, enmarcadas no Programa de Mellora de Estradas de Acceso a Explotacións Agrarias financiado por Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

Posteriormente, e con financiamento propio, o Concello executará o rego asfáltico do vial de acceso ao Curutelo, na parroquia de Pías, con triple tratamento superficial, así como tarefas de limpeza. En Lamas acometerá a reparación do firme e a limpeza de cunetas no lugar de A Portela, e en Teicelle, procederá á colocación dun caño de conducción de auga e á instalación de bases para colectores de lixo.

Esta serie de actuacións responden a peticións da veciñanza e enmárcanse na decidida aposta do Concello polo rural, para mellorar a calidade de vida e os sevizos dos seus veciños. “Somos conscientes do potencial que ten o rural, que supón o 80% do territorio do municipio e o 10% da poboación, por iso dende o Concello buscamos impulsar o seu desenvolvemento con todo tipo de melloras”, asegurou o edil.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a mellora da seguridade vial na rede viaria do rural | Descargar mp3

Noticias relacionadas