Lugo acolle esta fin de semana o VII Criterium Aeronáutico Galicia 2012

Luns, 16 de xullo de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, participou hoxe na presentación do VII Criterium e a XXIX Volta Aérea a Galicia, xunto co Vicepresidente Primeiro da Deputación, Antonio Veiga, a Deputada Pilar García Porto, en representación da Fundación TIC, e o Presidente do Real Aeroclub de Lugo, Luis Abelleira.

O Concelleiro de Deportes felicitou á organización polas “magníficas actividades” programadas no Criterium e resaltou a importancia de facelas accesibles ás persoas discapacitadas.

Segundo explicou o Presidente do Real Aeroclub de Lugo, nestas actividades terán prioridade tanto as persoas con discapacidade como os maiores e os nenos e tamén destacou que a intención do Real Aeroclub é achegar as instalacións de Rozas ós cidadáns, non só ós pilotos.

A programación consta de actividades moi variadas como son os saltos en paracaídas, exhibición de vóo acrobático, simulador de vóo que neste ano conta coa colaboración do INTA, ofrecendo a posibilidade de contar co simulador das tripulacións de pilotos militares da “Patrulla Águila”. Tamén haberá exhibición dos avións anti-incendios e do helicóptero da Garda Civil. Este ano, de novo, contarase coa presenza, o sábado día 21, do grupo 501 Legión Spanish Garrison (Star War).

O Criterium Aeronáutico 2012 inclúe, tamén, a XXIX Volta Aérea a Galicia, que terá lugar entre os días 20 e 21 de xullo. A Volta Aérea terá tres etapas con saída e chegada no aeródromo de Rozas. Os participantes terán que levar a cabo distintas probas de crono, navegación, observación e aterraxes de precisión. A Deputación de Lugo, a través da Fundación TIC, colabora na difusión e provoción do evento. Técnicos e becarios da Fundación TIC gravarán as mellores imaxes desta cita e elaborarán un DVD para darlle maior difusión.

Multimedia

Noticias relacionadas