Lara Méndez traslada o modelo de cidade ás Ordenanzas do 2021 para pór en valor o patrimonio local e a sostibilidade con novas bonificacións

A alcaldesa de Lugo avanzou que a fiscalidade local contemplará o vindeiro ano incentivos para impulsar a conservación do Camiño Primitivo e o aproveitamento das enerxías renovables

As taxas por Servizos urbanísticos e o ICIO diminuirán á metade para as obras e rehabilitacións na área de influencia do Camiño co fin de alentar ao seu coidado e proxección económica

As vivendas que sexan residencia habitual e que instalen paneis solares para autoconsumo terán un desconto do 50% do IBI durante 3 anos

Os impostos se conxelan un ano máis, igual que as taxas, a excepción de tres

A taxa pola prestación do servizo nas Escolas Infantís incluirá a gratuidade da atención educativa para segundos fillos e sucesivos

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sostivo que o estudo de custos dos gravames municipais, demandado nos tribunais por varios colectivos, obrigou a unha revisión dos prezos públicos que, pese a subir, se manteñen como dos máis baixos de Galicia

Mércores, 21 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez traslada o modelo de cidade ás Ordenanzas do 2021 para pór en valor o patrimonio local e a sostibilidade con novas bonificacións

 A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, presentaron esta mañá os principais cambios que recollerán as Ordenanzas en 2021. Estarán baseadas, por unha parte, na conxelación dos impostos e da maioría das taxas, coa excepción de tres, “para non sobrecargar as economías familiares e dos negocios nun momento de crise e incerteza”, segundo anunciou a rexedora, pero “tamén vai encamiñada a fomentar a sustentabilidade e a posta en valor do noso patrimonio local

Neste senso, explicou que boa parte das modificacións introducidas consisten na incorporación de bonificacións ás taxas, singularmente ás de prestación de servizos urbanísticos e o ICIO.

“O que fixemos foi empregar estes dous tributos como unha ferramenta de dinamización para, por unha banda, alentar á utilización das enerxías renovables, dentro dese modelo de municipio verde e sostible que nos sitúa como referente da loita contra o cambio climático, pero tamén para impulsar a proxección do Camiño Primitivo como berce de oportunidades para a economía local”.

Así, Lara Méndez avanzou que en 2021 se aplicará un 50% de desconto no Imposto de Construcións e Obras e tamén nas cargas pola prestación de Servizos Urbanísticos para todas aquelas rehabilitacións e novas intervencións que se executen na área de influencia do Camiño, tanto na zona rural como no treito urbano no que se atopa comprendido o propio Casco Histórico e mesmo o emblemático barrio do Carme.

“Debemos rendibilizar o Ano Santo Xacobeo para enxalzar as nosas bondades e incrementar o noso atractivo turístico pero tamén para propiciar que, en torno á súa celebración, poidan xurdir novos nichos de emprendemento que contrarresten as consecuencias tan negativas que o Covid tivo para a hostalaría e o comercio da cidade”, engadiu a rexedora.

Méndez anunciou tamén que, baseado noutro dos piares nos que se substenta a segunda gran transformación que está a vivir Lugo, este próximo ano o Concello animará, mediante as Ordenanzas, ao uso de enerxías alternativas e renovables. “De xeito que a partir de xaneiro poderán beneficiarse dunha rebaixa do 50% do IBI, durante tres anos, as vivendas habituais que decidan botar man de sistemas para o aproveitamento térmico e eléctrico da enerxía proveniente do sol para autoconsumo”.

“Incentivos cos que pretendemos converter os gravames municipais nun estímulo que convide a seguir investindo en Lugo, para que Lugo mellore e progrese e con el as súas xentes. Por iso queremos subliñar a transcendencia destas medidas máis aló do decisivo papel que xogan os tributos, e neste intre máis que en calquera outro, como instrumento de recadación para que durante o vindeiro exercicio a administración local poida seguir ofrecendo servizos, garantindo prestacións e manténdose ao carón da veciñanza, especialmente da que máis o necesita”, concluíu a alcaldesa.

A rexedora lembrou que as taxas e impostos supoñen o 60% dos ingresos municipais que, xa este ano, diminuirán debido ás medidas adoptadas como, por exemplo, a exención do pago por ocupación das terrazas ou dos alugueiros nos viveiros empresariais, pero “aínda así, queremos conxelar os impostos e a maior parte das taxas pensando nas familias e nos emprendedores, autónomos e empresarios”.

A revisión realizada este ano culmina con cambios en oito Ordenanzas, algúns deles para adecuar os textos á normativa vixente.

Pola súa parte, a concelleira de Gobernanza, apuntou que o proxecto das Ordenanzas, no que os técnicos de Facenda Local levan meses traballando co máximo rigor, incluíu a modernización dun total de 8 tributos, que recollen variacións de distinto tipo, algunhas delas para mellorar a redacción e lexibilidade dos textos ou para axustalas ao actual marco normativo.

É o caso do Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana ou Plusvalía, no que, a partir de agora, quedará recollido que cando se considere que a transmisión, ou no seu caso, a constitución de dereitos reais de goce deban declararse non suxeitos xa se pode facer constar no impreso de declaración, mediante calquera medio probatorio, co fin de axilizar a tramitación do mesmo.

Ou o da taxa pola prestación do servizo nas Escolas Infantís que inclúe a gratuidade da atención educativa para segund@s fill@s e sucesiv@s, alén de incorporar pequenas variacións sobre os períodos de pago, baixas, vacacións ou ausencias.

Os impostos se conxelan un ano máis, igual que as taxas a excepción de tres nas que foi preciso actualizar prezos para cubrir os custos dos servizos.

Porén, Paula Alvarellos destacou como principal novidade para este 2021 a revisión das contías dalgúns gravames locais, que se aplica amparada nas demandas de varios colectivos da capital, entre eles o da construción, que solicitaran, mesmo por vía xudicial, a realización dun estudo de custos.

“As súas reivindicacións foron atendidas positivamente polos tribunais que, á súa vez, nos instaron a actualizar os prezos públicos logo de manterse conxelados durante case dúas décadas. De xeito que para este mandato se prevé unha alza progresiva das cargas relativas, en concreto, ao aproveitamento especial e a ocupación da vía pública”, referiu.

Unha suba – abondou a concelleira - baseada nos valores catastrais, que, no vindeiro exercicio, se traduce nun aumento en torno ao 10% xa que, sobre o mesmo, se aplicou un coeficiente corrector do 0’9 en 2021 (que será do 0’6 en 2022 e do 0’3 en 2023) co fin de diminuír a pegada que ese pequeno incremento poida deixar nas empresas e nas economías domésticas xusto neste contexto de incertidume financeira”, declarou.

A titular da área económica incidiu tamén en que as exencións e bonificacións destas taxas se manteñen e matizou que, a pesar do ascenso, as de Lugo seguen a ser das máis baixas das capitais galegas, o que evidenciou sinalando que, “mentres aquí pasará a pagarse 99’02 € ao mes (de 89’32 € en 2020) pola colocación dunha grúa ou grúa – torre na calzada, en Ourense esa cantidade alcanza os 434’20€. E o mesmo acontece coa instalación de terrazas, que en Lugo terán unha tarifa anual por metro cadrado, nas rúas de maior cotización, de 21’41 euros (19’32€ en 2020) cando na Coruña a cifra é hoxe de 25€ e na capital ourensana de 47’62€. Só como exemplo, todas as ubicadas na Praza Maior supoñen actualmente un ingreso diario para as arcas municipais de tan só 28 euros”.

Alvarellos Fondo indicou que, pola súa banda, nos aproveitamentos especiais por Entradas de Vehículos e Reservas da Vía Pública procedeuse a realizar unha unificación de categorías co fin de simplificar a súa tramitación administrativa.

“Isto tradúcese en que o gravame se iguala en toda a cidade, independentemente da zona da que se trate, o que implicará unha pequena variación de 3 euros, arriba ou abaixo, con relación ás cantidades que se manexan actualmente. Unha compensación que non fará variar o montante total da recadación pero que, pola contra, permitirá gañar en axilidade á hora de cursar os recibos e suporá avanzar nunha maior equidade fiscal xa que o importe por rebaixar un vao é o mesmo en Santo Domingo que na Piringalla”, sinalou a edil.

Baixo esa mesma premisa, Paula Alvarellos adiantou asemade que o seu equipo técnico contempla nun horizonte próximo a revisión do rueiro en prol de adaptar a súa catalogación ao crecemento do concello e á súa realidade social.

A responsable de Gobernanza deu conta de que outro dos gravames que se puxo ao día, tanto na nomenclatura dos equipos como no valor da hora, hora extra e hora festiva foi o Servizo de Prevención e Extinción de Incendios que igualmente se atopaba moi desfasado.

Alvarellos Fondo rematou a súa intervención manifestando que nos textos, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro, non se inclúe ningunha proposta do resto de grupos políticos que integran a Corporación xa que, se ben achegaron algunhas ideas na mesa de traballo convocada en xuño, en cambio non as desenvolveron formalmente nin llas fixeron chegar ao goberno polos cauces habilitados ao efecto, e empregados noutras ocasións, co fin de que os técnicos municipais puideran avaliar a súa viabilidade.

Cadro – resumo

Ordenanza

Actualización

Ordenanza 103. Taxa pola prestación de servizos urbanísticos

Incorporación dunha bonificación do 50% para obra nova e rehabilitacións na área de influencia do Camiño Primitivo

Ordenanza 105. Taxa polos servizos de prevención e extinción de incendios, prevención de ruínas, salvamentos e outros análogos

Actualización da redacción e do valor hora, hora extra e hora festiva dos efectivos

Ordenanza 116. Taxa pola prestación de servizos nas Escolas Infantís

Inclusión da gratuidade para segund@s fillos e sucesiv@s

Ordenanza 152. Taxa polos aproveitamentos especiais da vía pública (estadas, terrazas, silos e grúas)

Estudo de custos e actualización de prezos.

Exención da cota por ocupación con terrazas entre o 15/03/2020 até o 31/12/2020

Ordenanza 153. Taxa polos aproveitamentos especiais da vía pública (entradas de vehículos – vaos e reservas de vía pública)

Estudo de custos, actualización de prezos e unificación de categorías.

Ordenanza 201. Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (Plusvalía)

Cambios na redacción para que as transmisións non suxeitas se acrediten por adiantado co fin de axilizar a tramitación

Ordenanza 202. Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO)

Incorporación dunha bonificación do 50% para obra nova e rehabilitacións na área de influencia do Camiño Primitivo

Ordenanza 203. Imposto sobre Bens Inmobles (IBI)

Incorporación dunha bonificación do 50% durante tres anos para as vivendas habituais que instalen paneis solares para autoconsumo

 

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a filosofía da revisión das ordenanzas | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o resumo dos cambios das ordenanzas | Descargar mp3
  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o estudo de custos e actualización de prezos | Descargar mp3

Noticias relacionadas