Lara Méndez reúnese mañá co Conselleiro de Economía para abordar o apoio da Xunta á Estratexia Lugo Transforma

A alcaldesa de Lugo presentaralle o fondo inversor emprendedor de 12 millóns de euros que o Concello mobilizará para atraer empresas e crear emprego social e sostible

A xuntanza dará continuidade a que mantivo con Nuñez Feijóo, onde o presidente do Goberno galego avanzou a colaboración con esta iniciativa pioneira, que felicitou

Martes, 02 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reúnese mañá co Conselleiro de Economía para abordar o apoio da Xunta á Estratexia Lugo Transforma

A alcaldesa Lara Méndez manterá mañá unha reunión co Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, para abordar o apoio da Xunta de Galicia á Estratexia Lugo Transforma, coa que o Concello de Lugo mobilizará 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade.

O Lugo Transforma articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco, o que converte a iniciativa en pioneira no ámbito municipal galego.  Como xa avanzou a alcaldesa, os proxectos que opten ao Fondo deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.

Lugo puxo en marcha esta iniciativa co fin de diversificar os sectores produtivos da cidade, actualmente moi dependente do sector terciario, co obxectivo de que saía reforzada da crise social e económica derivada da pandemia. Para iso, o Concello ten xa aberto o proceso para adxudicar a un servizo de intermediación financeira a xestión do fondo municipal, que será o encargado de atraer investimento e empresas co fin de crear postos de traballo en sectores estratéxicos para Lugo, e que acompañen ao modelo de cidade que se está a desenvolver e que a está a situar na vangarda europea en sostenibilidade e na loita contra o cambio climático.

A estratexia está aberta á participación doutros investidores tanto públicos como privados. Na última reunión que mantivo a alcaldesa de Lugo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acadou o seu compromiso de apoio a esta iniciativa, que agora a rexedora lucense espera ir concretando co vicepresidente e conselleiro de Economía.

Lara Méndez aproveitará a xuntanza para reivindicar que “máis que nunca, nesta situación crítica de crise social e económica, a cidadanía esixe que as administracións camiñen da man e na mesma dirección, e confiamos en que o Goberno galego axude nesta Estratexia Lugo Transforma, que permitirá diversificar a economía do noso municipio e crear novas oportunidades”.

Noticias relacionadas