Unha dotación de efectivos cunha nave nodriza realizaron labores de apoio na protección da poboación de Palas. O servizo mantense á espera de que lles indiquen novos destinos.
A rexedora segue de preto o avance dos lumes e destaca a enorme perda natural e económica para as poboacións afectadas, e polo tanto para Lugo e toda Galicia.

Efectivos do Corpo de Bombeiros de Lugo traballaron nos labores de apoio da extinción dos incendios que asolan a provincia lucense tras o ofrecemento á Xunta de Galicia realizado pola Alcaldesa, Lara Méndez, que enseguida puxo a disposición do operativo autonómico este servizo tras coñecer o alcance dos lumes.
Deste xeito, o xefe en funcións dos Bombeiros de Lugo, Óscar Freire, acudiu cunha dotación de bombeiros municipal e unha nave nodriza con capacidade de 4.000 litros, a Palas de Rei, municipio a onde lles remitiron desde a dirección do mando operativo autonómico. Alí realizaron tarefas de protección nos pobos de Cabana e Pambre, permanecendo toda a noite do luns ao martes, axudando a estabilizar o incendio.
A rexedora mantén aberta a colaboración nos labores de extinción do Concello de Lugo e do seu Servizo de Extinción de Incendios, que se mantén agora á espera de que lles dean novas indicacións por parte das autoridades galegas das zonas onde necesitan apoio.
Lara Méndez segue de preto e con preocupación o avance dos lumes e destaca, con enorme pesar, a enorme perda natural e económica para as poboacións afectadas, “e polo tanto para Lugo e toda Galicia”.