Lara Méndez: “O Life introduce un novo modelo productivo ao impulsar o uso da madeira como elemento estrutural de construción”

A Alcaldesa participou na xornada de portas abertas da Plataforma de Madeira Estrutural do Campus, na que se inaugurou a cuberta Gridshell, única no mundo, instalada na Escola de Enxeñería grazas ao programa Life Lugo+Biodinámico, liderado polo Concello

Venres, 29 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “O Life introduce un novo modelo productivo ao impulsar o uso da madeira como elemento estrutural de construción”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este venres na inauguración da xornada de portas abertas organizada pola Plataforma de Madeira Estrutural (PEMADE) do Campus Terra con motivo da acreditación do seu laboratorio PEMADE_Lab como un dos tres de España autorizados pola Entidade Nacional de Acreditación e Certificación (ENAC) para a realización de ensaios en madeira estrutural vinculados á construción. A xornada incluíu unha serie de relatorios sobre as posibilidades que ofrece a madeira como elemento constructivo, así como sobre a implicación e cometidos que está a desenvolver PEMADE ao abeiro do programa financiado con fondos Life Lugo+Biodionámico, liderado polo Concello de Lugo. Este foro serviu asemade para que todas as persoas asistentes puideran visualizar a cuberta Gridshell, unha singular estrutura de madeira, única no mundo, realizada en madeira de eucalipto e instalada no frontal sur do edificio da ampliación da Escola Superior de Enxeñaría, unha vez que xa remataron todas as obras de colocación.

Lara Méndez subliñou que o Lugo+Biodinámico, un dos dous programas de toda España financiado co Life, “está a introducir en Lugo un novo modelo productivo ao impulsar a utilización da madeira como elemento estructural na construción, algo que pode que non se visualice de inmediato, pero que está a ocorrer e que supoñerá un impulso económico ao diversificar o sector da construción e favorecerá o desenvolvemento sostible”.

Méndez puxo en valor as sinerxias entre as administracións, a Universidade e o sector privado para conseguir e sacar adiante o Lugo+Biodinámico e todas as súas actuacións.

A Alcaldesa destacou así mesmo a “importancia e o impacto” dos fondos europeos na cidade, a nivel económico e social, “como demostraron os dez anos do plan Urban, que supuxeron a transformación do casco histórico e deixaron obras exemplares como a rehabilitación do Vello Cárcere, unha repercusión que aumentará cos novos plans de Europa conseguidos polo Concello que están hoxe en marcha: ademais do Lugo+Biodinámico, a estratexia DUSI (Muramiñae, da Muralla ao Miño), centrado en acometer actuacións para unir o río e a trama urbana a través do barrio do Carme, ou o Lugo Smart, destinado a avanzar cara a implantación da Administración electrónica no Concello.

Xunto á rexedora, no acto de inauguración da xornada de portas aberta da PEMADE estiveron o Deputado provincial de Goberno Interior e Relacións Institucionais, Álvaro Santos; o rector da Universidade de Santiago, Juan Viaño; o director da PEMADE, Manuel Guaita; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o xerente do Clúster da Madeira, José Manuel Iglesias; e o xerente da Fundación Laboral da Construción, Fernando García Novo.

Multimedia

  • Lara Méndez: “O Life introduce un novo modelo productivo ao impulsar o uso da madeira como elemento estrutural de construción”

Noticias relacionadas