Lara Méndez levará ao Pleno o orzamento para derrubar o Garañón, espazo que será zona verde na súa totalidade

O custo da demolición alcanza os 970.000 euros para a que se plantexa un contrato mixto que asuma a redacción de proxecto e a execución dos traballos.

Sostibilidade Urbana proporá mañá á Xunta de Goberno a edificabilidade cero na parcela como solución máis acaída ao acordo plenario para modificar puntualmente o PXOM no ámbito da unidade CS-5.

Martes, 15 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez levará ao Pleno o orzamento para derrubar o Garañón, espazo que será zona verde na súa totalidade

As torres do Garañón están próximas á súa desaparición. Unha conta atrás que o Goberno de Lara Méndez inicia coa determinación, xa declarada durante o anterior mandato igual que o compromiso en firme da alcaldesa de converter o espazo que agora ocupa o esqueleto da construción nunha nova zona verde que dea continuidade ao Parque de Rosalía de Castro e ao cinto verde da cidade.

A rexedora, acompañada polo edil de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, avanzaba esta mañá os pasos dados dende esta área nos últimos meses para materializar ámbolos dous obxectivos.

Lara Méndez anunciou que, por unha banda, o executivo local someterá ao Pleno deste mes a aprobación dunha modificación de crédito para darlle cobertura económica á derruba do inmoble e, pola outra, que a Xunta de Goberno Local aprobará mañá a proposta elaborada dende Sostibilidade Urbana para escoller os usos dos terreos nos que se atopa a edificación.

Trátase de dar cumprimento a un ditame xudicial que anula a licenza outorgada no seu día para permitir a construción, pero tamén de acatar a vontade da Corporación – ao abeiro do acordo plenario alcanzado en novembro de 2018 - para que esa modificación puntual prevista da Unidade de Actuación CS-5 (URPI 58 no PXOM) conxugase a menor incidencia económica posible para as arcas municipais coa conversión en zona verde da maior superficie posible e tamén procurando que, en caso de que existira, a edificabilidade resultante xerase o menor impacto visual”, explicou a alcaldesa.

Así o ano pasado foi adxudicada á empresa GAU Arquitectura e Urbanismo unha asistencia técnica para que elaborase un estudo de alternativas que seguiran esas tres premisas, do que saíron catro solucións que van dende a conversión de todo o espazo en zona verde até un porcentaxe de edificación menor ao que ocupa agora o Garañón, que é o máximo permitido polo Plan Xeral.

Logo de que todas as opcións foran avaliadas e informadas polos técnicos municipais, e co obxectivo de desprendelas de calquera carga política e/ou ideolóxica, “coa premisa de respectar a sentenza legal pero tamén de axustarse á vontade plenaria – apuntou Méndez - o edil de Sostibilidade Urbana elaborou unha proposta baseada na interpretación obxectiva, mediante unha cualificación numérica, na que se concilian os tres parámetros a ter en conta, en tanto resulta imposible, por exemplo, realizar unha determinación métrica ou cuantitativa exacta dun concepto como pode ser o impacto visual”, dixo a rexedora.

Deste xeito, a Xunta de Goberno de mañá validará a denominada como Alternativa 0 sendo esta – segundo sinalou Álvaro Santos - a que implica eliminar o aproveitamento lucrativo en todo o ámbito, manténdose, non obstante, as cesións existentes de equipamentos que se sitúan en conexión co viario interior das costas do parque e a explanada no pavillón para optimizar a súa funcionalidade e versatilidade.

Xa que foi esta a que obtivo a máxima puntuación de todas as variables ponderadas e a que mellor se axusta ás prioridades recollidas no acordo plenario referido sendo, alén, a que máis harmoniza coa contorna ao respecto da inclusión dos bens protexidos que existen nela”.

O responsable de Sostibilidade Urbana relatou que “as vantaxes desta opción son, fundamentalmente dúas: a ampliación do sistema xeral de zonas verdes das costas do parque e que as administracións implicadas darían, así, a súa conformidade á tramitación e aprobación definitiva da modificación puntual que se pretende xa que a diminución do impacto visual era un dos condicionantes principais establecidos por Patrimonio”, sostivo Santos Ramos.

Despois do trámite que se realizará mañá, o Concello dará traslado da resolución a GAU para que inicie a Fase 1 do contrato e, no prazo de tres meses, reúna a documentación necesaria co fin de remitirlla á consellería de Medio Ambiente aos efectos da avaliación ambiental estratéxica do proxecto de modificación puntual do PXOM.

Paralelamente, o Goberno de Lara Méndez, en base ao procedemento de execución subsidiaria e no caso de non acometer o propietario dos terreos o derribamento do Garañón, habilitará este mes a consignación orzamentaria necesaria para levalo a cabo de forma inmediata. Será precisa a aprobación do Pleno de maneira que, esta mesma mañá, os grupos da Corporación foron informados ao efecto.

A alcaldesa de Lugo, referiu que, segundo consta no informe elaborado polo xefe do Servizo de Arquitectura, para a demolición haberá que ter en conta varios factores. Un deles é a localización, mais ao tratarse dunha construción illada facilitará a súa execución dende a propia parcela. Tamén cómpre ter en conta o tamaño, pois sendo este maior, máis complexidade e custo revestirán os traballos e a xestión e transporte do entullo xerado. Importantes igualmente son o tipo de estrutura e os materias, neste caso formigón e fábrica de ladrillo, que poden ser reutilizables a través de procesos sostibles; así como o seu estado, normal, coas afeccións propias dunha estrutura abandonada e a accesibilidade ás torres que é boa, a través das calzadas existentes”, indicou Lara Méndez.

Pola súa parte, o concelleiro de Sostibilidade Urbana adiantou, así mesmo, que, tendo en conta que a demolición se pode realizar por diferentes métodos - manual, mecánica, combinada, ou incluso voadura controlada - enténdese axeitado licitar a obra a través dun contrato mixto de redacción de proxecto e execución da demolición, xa que diminuiría o custo da operación que, de maneira estimativa, alcanza os 969.641 €.

Cómpre polo tanto habilitar unha partida por ese importe, o que depende da decisión do Pleno para autorizar a incorporación do crédito, ao que agardamos, en prol do interese xeral, amosen a súa conformidade”, concluíu o edil.

Comezamos pois – engadiu a rexedora – a visibilizar o fin das torres do Garañón. Non só da estrutura de ladrillo que afea a paisaxe nunha das contornas máis fermosas e emblemáticas da cidade, senón tamén de todo o que simbolizan. Un final para elas no que levamos moitos anos traballando, na procura de conciliar o cumprimento dos ditames xudiciais co interese público e que pasa por minimizar as repercusións que esta operación poida ter para as arcas públicas pero tamén para que a desaparición destas torres signifique seguir construíndo en positivo. Construíndo e transformando a nosa cidade, habilitando espazos para o uso e o desfrute de todas e todos, en prol dun urbanismo racional, sustentable, axeitado ás necesidades da poboación e respectuoso co patrimonio e cos intereses da cidadanía”, manifestou Lara Méndez.

A alcaldesa de Lugo finalizou destacando que “a actuación dá esposta a unha demanda social que ademais vai acorde ao noso modelo de cidade para intentar recuperar espazos verdes e unir e darlle continuidade aos pulmóns verdes cos que contamos na capital, como son as costas do parque, a CS-5, a zona do Carme e o parque Marcos Cela para que haxa unha sostibilidade a todos os niveis e maior proxección á transformación do concello que vimos desenvolvendo dende o executivo local”, afirmou a rexedora.

Audios

 

Noticias relacionadas