O alcalde destaca que “con esta intervención mellórase a seguridade dos viandantes neste treito da vía, ao tempo que se aposta por unha instalación resistente”.
A concesionaria de Parques e Xardíns do Concello de Lugo está a realizar esta obra, presupostada en máis de 55.000 euros, con cargo á partida dedicada a melloras.
Optouse por unha solución metálica, lixeira, resistente e non invasiva, que protexe aos peóns en zonas con moito desnivel cumprindo as novas esixencias de seguridade.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, supervisou estes días a instalación da nova varanda que substituirá ao peche orixinal da Rolda das Fontiñas que esténdese ao longo da beirarrúa na zona do Parque dos Paxariños, e que salva o desnivel importante fronte a esta ampla zona verde. Trátase dunha varanda de 235 metros lineais, fabricada en ferro, que segundo destacou o rexedor lucense “vai permitir mellorar a seguridade dos viandantes nesta zona, ao tempo que se aposta por unha instalación resistente e duradeira, grazas ao material empregado”.
A área de Transición Ecolóxica, a través da concesionaria de Parques e Xardíns do Concello de Lugo, está a executar esta obra, presupostada en máis de 55.000 euros, con cargo á partida dedicada ás melloras en zonas verdes da cidade, para desenvolver esta actuación no treito da Rolda das Fontiñas que limita co Parque dos Paxariños, onde o importante desnivel esixe adoptar medidas para garantir a seguridade dos viandantes.
A nova varanda está fabricada en ferro e ten unha imprimación de dous compoñentes e acabado con pintura de poliuretano, unhas características que favorecen a súa durabilidade. A substitución do valado de madeira está a ser complicada, porque é preciso soldar a varanda de ferro ao chan, unha soldadura que debe facerse sen choiva, polo que aínda que a estrutura xa está fabricada na súa totalidade, é preciso agardar a que non haxa precipitacións para a súa correcta instalación.
O alcalde de Lugo lembrou que durante anos foi preciso arranxar en varias ocasións a varanda orixinal, que por ser de madeira sufriu moitos danos co paso do tempo e polas inclemencias meteorolóxicas. Para a fabricación do novo peche optouse por un material resistente, ao tempo que se tivo en conta o cumprimento das últimas normativas en materia de seguridade, que estipulan determinadas alturas, separación entre barrotes, materiais ou sistemas de ancoraxe.
Ademais de cumprir con toda a normativa de seguridade, a varanda mellora a estética da rolda, e faino cunha solución ao longo prazo, dados os materiais empregados. Miguel Fernández salientou que “decidímonos por esa opción metálica, que ao mesmo tempo é lixeira, resistente e non invasiva, co que ademais de protexer aos peóns en zonas con moito desnivel como é o treito que da ao Parque dos Paxariños, permite gozar da paisaxe porque non resta visibilidade”.



