O Concello esixe á Xunta que cumpra o acordado e execute con urxencia a mellora da rúa Serra de Meira no marco do Plan Paradai

O Concello non asinou o convenio remitido pola Xunta ao non reflectir o acordo do 14 de outubro, xa que o documento non incluía a asunción do 100 % do custo da obra por parte da administración autonómica.

Concello e Confederación Hidrográfica cumpriron cos seus compromisos e non existen impedimentos técnicos nin urbanísticos para executar a obra.

“Actuamos con rigor e lealdade institucional; agora é a Xunta quen debe cumprir coa súa palabra e executar a obra sen máis escusas”, sinala o alcalde, Miguel Fernández.

Luns, 02 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello esixe á Xunta que cumpra o acordado e execute con urxencia a mellora da rúa Serra de Meira no marco do Plan Paradai

O Goberno local insta á Xunta de Galicia a cumprir os compromisos adquiridos co Concello de Lugo e a executar con carácter de máxima urxencia a mellora da rúa Serra de Meira, unha das principais vías de conexión da zona leste da cidade, tras non asinar o convenio remitido pola administración autonómica ao non reflectir o acordo acadado o 14 de outubro, no que se establecía que a Xunta asumiría o 100 % do custo da obra.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que se trata dunha actuación estratéxica dentro do Plan Paradai e lembrou que tanto o Concello como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa cumpriron coa súa parte. “Non existe ningún impedimento técnico nin urbanístico que xustifique máis atrasos. A ampliación e mellora da rúa non require modificación do PXOM e o proxecto estaba practicamente listo para a súa presentación”, indicou.

O Concello de Lugo desmente as afirmacións realizadas polo Goberno autonómico nas que se asegura que a obra non se executa porque o Concello non aprobou o convenio remitido pola Xunta, ao considerar que esa explicación non se axusta á realidade.

O convenio enviado pola Consellería —ademais de chegar con atraso— non reflectía o acordado na reunión mantida o 14 de outubro de 2025 entre o alcalde de Lugo e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, na que quedou establecido que a Xunta asumiría o 100 % do custo da obra. Ese compromiso non figuraba no documento remitido posteriormente ao Concello.

Ante esta situación, o Concello comunicou formalmente á Consellería que o texto non cumpría o pactado e solicitou a remisión dun novo convenio que respectase o acordo acadado, co obxectivo de garantir a defensa dos intereses da cidade.

O Concello de Lugo mantén a súa disposición á colaboración e sinala que, en canto o proxecto sexa presentado oficialmente, se activará de inmediato toda a tramitación administrativa necesaria, incluído a posta a disposición dos terreos que a Xunta afirma precisar, para que as obras poidan comezar sen máis demoras.

O obxectivo da actuación é mellorar unha das principais vías de conexión da zona leste e ofrecer á veciñanza unha infraestrutura moderna, segura e acorde coas necesidades da cidade. Tanto o Concello como a Confederación Hidrográfica cumpriron cos seus compromisos, polo que o Goberno local considera que agora corresponde á Xunta executar a actuación comprometida.

O Concello de Lugo lembra que o atraso acumulado nesta intervención resulta especialmente prexudicial, xa que a rúa Serra de Meira continúa deteriorándose e presenta problemas evidentes de seguridade e mobilidade, agravados polo paso constante de tráfico e polas condicións meteorolóxicas.

Así mesmo, o Goberno local subliña que o Plan Paradai non remata nesta actuación, xa que continúa pendente a mellora da Calzada das Gándaras, outro compromiso que seguirá sendo reclamado ata que se converta nunha realidade.

O Concello de Lugo reafirma que defenderá os intereses da cidade desde a lealdade institucional, pero tamén con esixencia e determinación.

Noticias relacionadas