Lara Méndez leva o modelo de urbanismo sostible de Lugo a Xapón, co que establecerá relacións de cooperación e innovación

O Programa Internacional de Cooperación Urbana e Rexional (IURC) seleccionou a candidatura da cidade para intercambiar experiencias co país nipón e crear solucións conxuntas de futuro.

A alcaldesa destaca a enorme importancia que esta oportunidade ten para a cidade a efectos de promoción social e económica “xa que pode ser unha porta de entrada para inversores”.

A Comisión Europea valora especialmente as estratexias LIFE Lugo - Biodinámico coa nova construción en madeira e a DUSI Muramiñae para mellorar a accesibilidade ao rio.

Lugo irá conxuntamente con Donosti, e as accións que se porán en marcha incluirán intercambios de gobernanza e a creación dun clúster sobre temas comúns.

Sábado, 31 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez leva o modelo de urbanismo sostible de Lugo a Xapón, co que establecerá relacións de cooperación e innovación

A Comisión Europea acaba de seleccionar a candidatura presentada pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, para participar no Programa Internacional de Cooperación Urbana e Rexional (IURC), que centra as súas accións no desenvolvemento urbano sostible e a innovación, co fin de crear unha Rede Global de Referencia na que as cidades compartan experiencias e coñecementos, claves para a dimensión exterior da Unión Europea. 

Lugo enfocou a súa proposta no modelo de transformación da cidade a través das distintas estratexias europeas, a LIFE Lugo + Biodinámico, que impulsa un urbanismo sostible a través da aposta pola madeira como material de construción das cidades resilientes contra o cambio climático, con iniciativas como o edificio Impulso Verde ou o primeiro barrio multiecolóxico de España, así como na estratexia DUSI Muramiñae, coa que se impulsan accións que buscan unha nova mobilidade saudable mellorando a accesibilidade da trama urbana de Lugo ao río. Ademais, Lugo destacou na súa candidatura a súa relación con Alfoz, de onde procede a madeira galega certificada do Impulso Verde.

En esta candidatura valorouse a capacidade de adaptación de Lugo ao cambio climático, que  os proxectos se executen aproveitando os recursos naturais propios, como a madeira, así como a aposta por fomentar a economía verde e circular a través da Estratexia Lugo Transforma, posta en marcha pola rexedora para captar, a través dun fondo inversor municipal de 12 millóns de euros, novas empresas de alto impacto social e medioambiental.

A través deste programa, Lugo acudirá a Xapón a dar a coñecer a súa experiencia xa que inclúe intercambios de gobernanza e coñementos a varios niveis, visitas de estudo e a creación de sinerxías. Lara Méndez destaca a importancia desta oportunidade a efectos de promoción social e económica “xa que tamén traballaremos para que poida ser unha porta de entrada para inversores”.

A alcaldesa indicou “que a candidatura abordará redes temáticas vinculadas coa transición ecolóxica e a economía circular, a renovación urbana e a agricultura e mobilidade sostibles”.

O Programa Internacional de Cooperación Urbana e Rexional (IURC) organízase entre cidades, e neste caso Lugo irá a Xapón con Donosti (San Sebastián). 

Este programa da UE está financiado polo Instrumento de Asociación e é executado conxuntamente polo Servizo de Instrumentos de Política Exterior e a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea. Contribuirá aos obxectivos do Pacto Verde Europeo, á nova Carta de Leipzig, á Nova Axenda Urbana, á Axenda 2030 (ODS), á Axenda Urbana para a UE e aos obxectivos da Política de Cohesión Europea a través da diplomacia de cidade a cidade e os esforzos de colaboración para abordar os desafíos comúns.

Noticias relacionadas