Lara Méndez inaugura a I Xornada Speed Networking que facilitou o contacto entre persoas desempregadas con discapacidade e unha trintena de empresas locais

A alcaldesa ratificou “o compromiso manifesto do Concello coa integración social e laboral real das persoas con diversidade funcional”

Xoves, 21 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez inaugura a I Xornada Speed Networking que facilitou o contacto entre persoas desempregadas con discapacidade e unha trintena de empresas locais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez inauguraba esta mañá a primeira Xornada Speed Networking programada dende Espazo Lab do CEI – Nodus, baixo o lema “Unha dobre oportunidade”.

A iniciativa, que contou cunha elevada participación, tiña como meta poñer en contacto a persoas traballadoras e desempregadas con diversidade funcional e a empresas de diferentes sectores que desenvolven a súa actividade en Lugo para poder establecer entre elas redes de contactos ademais de facer visibles os seus perfís profesionais e facilitar a súa inserción laboral.

Na súa intervención, a rexedora deixou patente “o compromiso manifesto do Concello de Lugo para acadar unha inclusión social real que pode apreciarse non só pola organización desta e doutras actividades similares no ámbito do emprego senón tamén, dende unha dimensión máis ampla e transversal coas políticas impulsadas dende a área de Benestar”.

Ademais das prestacións específicas levadas a cabo dende os Servizos Sociais municipais, Lara Méndez lembrou que, “nestes momentos, o Concello está a apostar por reservar determinados contratos a centros especiais de emprego de iniciativa social ou a empresas de inserción reguladas” e referiu, como exemplo, que no pasado mes de setembro, a atención ao público nos centros socioculturais da cidade foi adxudicada ao Centro Especial de Emprego de Cogami, Combina Social SL.

“Trátase de fomentar, dende tódolos eidos posibles, que estas entidades concorran aos procesos públicos ademais de pular polo acceso ao emprego das persoas con algún tipo de discapacidade para as que a administración local reserva tamén unha contía superior ao 7% dos postos que oferta, superando a cota establecida legalmente”, destacou a alcaldesa que lembrou, asemade, algúns dos traballos desenvolvidos nos últimos meses en materia de accesibilidade, para mellorar a mobilidade urbana, como son a eliminación do adoquinado en distintos puntos da capital ou a construción dos elevadores de Fontiñas e Sagrado Corazón, este último que entrará proximamente en funcionamento.

Na xornada de hoxe, que contou cunha ampla asistencia, estiveron presentes, ademais do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, a directora rexional de Inserta Empleo en Galicia, Menchu Iglesias, e a judoka integrante do equipo de Trainers Paralímpicos da Fundación ONCE, Marta Arce que abriu o evento cunha motivadora charla

Noticias relacionadas