A campaña ‘Lugo sen Armarios’ reivindica este ano os dereitos do colectivo LGTBI convertendo as portas da Muralla en espazos de liberación e visibilidade.
O programa inclúe un coloquio sobre a homofobia, bifobia e transfobia no Vello Cárcere e unha xornada musical con actuacións ao longo do 28 de xuño.
“Reivindicar a igualdade real require lembrar, educar e celebrar. E facelo tamén desde o que nos define como cidade: a nosa Muralla”, destaca Ángeles Novo.

O Concello de Lugo conmemora o Día Internacional do Orgullo 2025 cunha programación que aposta pola reflexión, a memoria e a celebración compartida. A campaña ‘Lugo sen Armarios’, impulsada pola Concellería de Muller, Igualdade e Inclusión, propón este ano unha relectura simbólica da Muralla Romana no seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade: transformar este símbolo da cidade nun gran armario colectivo que se abre á diversidade e á liberdade.
Durante unha semana, todas as portas da Muralla e a zona da Mosqueira exhibirán carteis con frases empoderadoras e códigos QR que permitirán acceder a vídeos testemuñais de persoas que viven, viviron ou naceron en Lugo. A través das súas historias, a veciñanza poderá coñecer diferentes vivencias vinculadas á orientación sexual e á identidade de xénero, e reflexionar sobre os obstáculos que aínda hoxe existen para vivir con liberdade plena.
“Reivindicar a igualdade real require lembrar, educar e celebrar”, sinala a concelleira Ángeles Novo. “E facelo tamén desde o que nos define como cidade: a nosa Muralla. Un monumento que no pasado serviu para dividir ou controlar, e que hoxe queremos que sexa símbolo de apertura e respecto”.
A campaña completarase cun vídeo institucional no que a concelleira explicará o significado desta proposta, cunha mensaxe en clave lucense, próxima e comprometida.
Coloquio no Vello Cárcere
O programa inclúe tamén un coloquio sobre a homofobia, bifobia e transfobia, que terá lugar o venres 27 de xuño ás 18:00 horas no Vello Cárcere. Este espazo de memoria histórica acollerá o relato de varias persoas do colectivo que compartirán situacións de odio e discriminación vividas en primeira persoa, nun exercicio de valentía e xenerosidade co que se busca sensibilizar á sociedade. Participarán Francis Naranjo e Marcos Fernández, do colectivo ALAS; Juan Rodríguez Gude, director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social; o bailarín e activista Juan Carlos Zahera; e a activista trans Laura Bugalho.
A concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, subliñou que “este coloquio é unha chamada á reflexión colectiva, porque combater a LGTBIfobia require vontade política, compromiso social e espazos onde as experiencias persoais dean paso á empatía e á conciencia crítica.”
Música para celebrar con orgullo
O sábado 28 de xuño, a rúa Bispo Basulto converterase no escenario da celebración, con música ao longo de todo o día. A xornada comezará ás 13:30 coa sesión de DJ Ello, continuará ás 17:00 coas actuacións de Afroditta e Señora Paca, e rematará pola noite coa música de Marcos Peón.
Desde a Concellería de Muller, Igualdade e Inclusión Social insisten en que o Orgullo “non é só unha festa, senón tamén unha reivindicación”. A programación deste ano aposta por recoñecer a diversidade como parte esencial da identidade de Lugo, por visibilizar as loitas pendentes e por garantir que toda persoa poida vivir libremente, con orgullo, sexa cal sexa a súa orientación ou identidade.
Audio
- Ángeles Novo, sobre a liberdade e a diversidade coa Muralla | Descargar mp3




