Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > O Concello de Lugo reivindica a liberdade e a diversidade coa Muralla, que se transforma simbolicamente nun armario aberto

O Concello de Lugo reivindica a liberdade e a diversidade coa Muralla, que se transforma simbolicamente nun armario aberto

A campaña ‘Lugo sen Armarios’ reivindica este ano os dereitos do colectivo LGTBI convertendo as portas da Muralla en espazos de liberación e visibilidade.

O programa inclúe un coloquio sobre a homofobia, bifobia e transfobia no Vello Cárcere e unha xornada musical con actuacións ao longo do 28 de xuño.

“Reivindicar a igualdade real require lembrar, educar e celebrar. E facelo tamén desde o que nos define como cidade: a nosa Muralla”, destaca Ángeles Novo.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Igualdade,
    • Igualdade de dereitos,
    • Inclusión,
    • Diversidade funcional
Mércores, 25 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo reivindica a liberdade e a diversidade coa Muralla, que se transforma simbolicamente nun armario aberto

O Concello de Lugo conmemora o Día Internacional do Orgullo 2025 cunha programación que aposta pola reflexión, a memoria e a celebración compartida. A campaña ‘Lugo sen Armarios’, impulsada pola Concellería de Muller, Igualdade e Inclusión, propón este ano unha relectura simbólica da Muralla Romana no seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade: transformar este símbolo da cidade nun gran armario colectivo que se abre á diversidade e á liberdade.

Durante unha semana, todas as portas da Muralla e a zona da Mosqueira exhibirán carteis con frases empoderadoras e códigos QR que permitirán acceder a vídeos testemuñais de persoas que viven, viviron ou naceron en Lugo. A través das súas historias, a veciñanza poderá coñecer diferentes vivencias vinculadas á orientación sexual e á identidade de xénero, e reflexionar sobre os obstáculos que aínda hoxe existen para vivir con liberdade plena.

“Reivindicar a igualdade real require lembrar, educar e celebrar”, sinala a concelleira Ángeles Novo. “E facelo tamén desde o que nos define como cidade: a nosa Muralla. Un monumento que no pasado serviu para dividir ou controlar, e que hoxe queremos que sexa símbolo de apertura e respecto”.

A campaña completarase cun vídeo institucional no que a concelleira explicará o significado desta proposta, cunha mensaxe en clave lucense, próxima e comprometida.

Coloquio no Vello Cárcere

O programa inclúe tamén un coloquio sobre a homofobia, bifobia e transfobia, que terá lugar o venres 27 de xuño ás 18:00 horas no Vello Cárcere. Este espazo de memoria histórica acollerá o relato de varias persoas do colectivo que compartirán situacións de odio e discriminación vividas en primeira persoa, nun exercicio de valentía e xenerosidade co que se busca sensibilizar á sociedade. Participarán Francis Naranjo e Marcos Fernández, do colectivo ALAS; Juan Rodríguez Gude, director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social; o bailarín e activista Juan Carlos Zahera; e a activista trans Laura Bugalho.
A concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo, subliñou que “este coloquio é unha chamada á reflexión colectiva, porque combater a LGTBIfobia require vontade política, compromiso social e espazos onde as experiencias persoais dean paso á empatía e á conciencia crítica.”

Música para celebrar con orgullo

O sábado 28 de xuño, a rúa Bispo Basulto converterase no escenario da celebración, con música ao longo de todo o día. A xornada comezará ás 13:30 coa sesión de DJ Ello, continuará ás 17:00 coas actuacións de Afroditta e Señora Paca, e rematará pola noite coa música de Marcos Peón.

Desde a Concellería de Muller, Igualdade e Inclusión Social insisten en que o Orgullo “non é só unha festa, senón tamén unha reivindicación”. A programación deste ano aposta por recoñecer a diversidade como parte esencial da identidade de Lugo, por visibilizar as loitas pendentes e por garantir que toda persoa poida vivir libremente, con orgullo, sexa cal sexa a súa orientación ou identidade.

Audio

  • Ángeles Novo, sobre a liberdade e a diversidade coa Muralla | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/o-concello-de-lugo-reivindica-liberdade-e-diversidade-coa-muralla-que-se-transforma

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/062525_audio_angelesnovo_o_concello_de_lugo_reivindica_a_liberdade_e_a_diversidade_coa_muralla_que_se_transforma_simbolicamente_nun_armario_aberto.mp3