Lara Méndez impulsa a rexeneración urbanística da Milagrosa e o barrio Feijoo mediante a rehabilitación de vivendas e do espazo público

A alcaldesa de Lugo anunciou hoxe que o Goberno local aprobou este venres a contratación dos traballos técnicos necesarios para declarar a zona Contorna Residencial de Rehabilitación Programada.

“O obxectivo é rematar coa degradación urbanística e social que sofre esta área e mellorar a calidade de vida da cidadanía a través de solucións sostibles que acheguen valor engadido e axuden a dinamizar esta parte da capital”, avanzou a rexedora.

A licitación, que suporá un investimento de 101.357 €, contempla un plan de etapas para a elaboración e entrega de toda a documentación que deberá completarse en 9 meses.

Entre as actuacións previstas, alén de mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, figura a creación dunha senda verde de conexión do barrio co centro histórico.

Venres, 28 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsa a rexeneración urbanística da Milagrosa e o barrio Feijoo mediante a rehabilitación de vivendas e do espazo público

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe o seu propósito de rexenerar, urbanística e socialmente a Milagrosa e o Barrio Feijoo.

“Farémolo dende un punto de vista arquitectónico, promovendo e captando investimento para a recuperación dos inmobles e a mellora da súa eficiencia enerxética pero tamén redeseñando os espazos públicos con proxectos de humanización como a creación dunha senda verde peonil de conexión do conxunto do barrio co centro histórico“, adiantou a rexedora.

“Trátase dun compromiso político polo que levamos tempo traballando dende o Goberno local”, sinalou Méndez. “Non podemos esquecer que, a pesar do seu dinamismo e de estar cheo de vida, a Milagrosa é un enclave moi emblemático e populoso de Lugo que, nos últimos tempos, experimentou un deterioro progresivo estreitamente relacionado co crecemento construtivo e comercial que rexistrou a zona sur da cidade polo que, chega o momento de reverter esta situación, de favorecer o a revitalización destas contornas, un obxectivo no que a iniciativa municipal quere ser o motor que favoreza o equilibrio e a racionalización de dotacións e recursos públicos”, sostivo a alcaldesa.

Deste xeito, a Xunta de Goberno autorizou este venres a apertura do proceso de contratación que permitirá iniciar os traballos para declarar este espazo como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP).

“A elaboración deste ERRP, que non é máis que a nova denominación do que antes se coñecía como Arru ou Ari – puntualizou Méndez - é o trámite previo para poder concorrer ás axudas que se habilitan ao abeiro dos Fondos Next Generation e que temos vontade de solicitar para propiciar a rexeneración destas contornas. Precisamente, dende o Concello agardamos á entrada en vigor dos últimos cambios normativos que rexen o procedemento para participar no programa de axudas do Plan de Recuperación en materia de vivenda a nivel de barrios co fin de ultimar o prego de licitación que nos posibilitará presentarnos á convocatoria destas achegas coa debida seguridade administrativa”.

Así, o contrato contempla, tal e como obriga o procedemento antes mencionado (Resolución do 8 de xullo de 2022 que regula o procedemento para participar no programa de axudas do Plan de Recuperación) a redacción dunha Memoria – Programa onde quede demostrada a necesidade de actuar en materia de rexeneración urbana das zonas sinaladas e que conleva a análise pormenorizada da degradación que lles afecta.

“O documento debe recoller unha relación das rúas comprendidas no ámbito, e outra relación inequívoca das unidades edificatorias das que consta – sendo imperativo que, polo menos, o 50% teñan como destino un uso residencial - e a cantidade exacta dos que serían susceptibles de rehabilitar”, indicou a alcaldesa.

Lara Méndez explicou, así mesmo, que o estudo debe abranguer un diagnóstico da situación demográfica, social, económica e ambiental da área.

“Para iso levarase a cabo un traballo de campo que deberá empezar por manter encontros e reunións coa veciñanza, asociacións, etc, co fin de lograr a súa implicación e colaboración para acceder ao interior dos inmobles sendo esta a mellor maneira de comprobar con veracidade a situación dos inmobles e poder determinar as obras que precisan e, por tanto, as propostas individuais para cada un”, debullou a rexedora.

Ademais, o equipo redactor deberá indicar o custo estimado das intervencións previstas, encamiñadas ao aforro e eficiencia enerxética, e elaborar senllas memorias sobre a idoneidade técnica e sobre a viabilidade económica que analizará a rendibilidade e o equilibrio entre os beneficios e as cargas derivadas da actuación para os propietarios, aludindo ás formas de xestión e execución, á programación temporal e ás medidas complementarias nos eidos social, económico e ambiental.

Colaboración conxunta con repercusión para os eidos público e privado

A este respecto, durante a súa exposición, a alcaldesa lucense puxo en valor a colaboración público – privada “para actuar conxuntamente nos edificios pero tamén nos espazos públicos nos que se atopan, en prol da recuperación arquitectónica e social do municipio onde as Administracións desenvolvemos un importante papel no restablecemento do equilibrio que segue aos movementos poboacionais”, afirmou.

“Deste xeito, as conclusións obtidas a través deste traballo deberán permitirnos deseñar aqueloutras obras que redunden na mellora das zonas comúns en canto a parámetros de calidade, sostibilidade e urbanización no que ten que ver coa accesibilidade, a eficiencia ambiental, a xestión de residuos, o saneamento e abastecemento da auga, etc e para as que será de aplicación o Catálogo de Solucións de Deseño Urbano, en coherencia co modelo de cidade resiliente e combativa do cambio climático que estamos a implantar dentro da segunda gran transformación do municipio. Porque dende o Executivo non só apostamos polo urbanismo do futuro senón que tamén centramos a nosa atención nos xa construídos”, afirmou a rexedora.

Así, Méndez apuntou que a adxudicataria do contrato deberá realizar propostas de actuación “tendentes a materializar proxectos municipais xa deseñados para a zona e, que neste caso, se concretan, por exemplo, na ampliación ou creación de sendas peonís, novas prazas e espazos de lecer, parques infantís, etc que transformen os espazos existentes” e ás que deberán acompañar, igualmente, as solucións de recirculación do tráfico na contorna con dotacións e infraestruturas como marquesiñas do bus urbano ou aparcadoiros alternativos.

Nove meses de prazo e un investimento de 101.357 euros

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos indicou que a licitación, que sae a concurso por un importe de 101.357 euros, abrangue a contratación dun equipo multidisciplinar integrado, como mínimo, por tres persoas entre as que deben figurar os perfís profesionais de arquitecto/a e exeñeiro/a.

Para a adxudicación terase en conta, prioritariamente, a experiencia do persoal, con 51 puntos sobre 100, mentres que o resto do baremo (49 puntos) se corresponderá con criterios económicos pola baixa ofrecida no prezo base.

A empresa disporá dun prazo de execución de 9 meses nos que establecerá un plan de etapas para ir entregando a documentación dende os primeiros avances da delimitación do propio ámbito, do estudo da situación social, económica e ambiental do barrio, do estado das edificacións e os espazos públicos así como para dar conta das propostas de actuación e da súa viabilidade técnica e económica até presentar o proxecto de renovación urbana definitiva ao que a Administración poderá ir incorporando axustes ou peticións.

Antes de finalizar, Santos Ramos explicou que o ámbito de actuación, que se definirá con maior concreción no proxecto, abranguerá dende a Rolda da Muralla até o Agro do Rolo e dende a Avenida da Coruña ata Casas Baratas para a Milagrosa e, dende a Avenida da Coruña, por Perpetuo Socorro e Paradai para o barrio Feijoo.

Audio

  • Álvaro Santos, sobre a Milagrosa e o barrio Feijoo | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre a Milagrosa e o barrio Feijoo | Descargar mp3

Noticias relacionadas