A actuación terá unha tripla vertente: urbanística, social e de servizos para rexe-nerar a contorna, incrementar as dotacións e favorecer a convivencia cidadá.
A rexedora presentou esta tarde á veciñanza os detalles do proxecto co que se pretende incrementar a comodidade e habitabilidade do barrio.
A obra, terá un prazo de execución de tres meses e suporá un investimento municipal de 48.373 euros.

Lara Méndez humanizará Paradai coa creación dunha nova área de descanso na confluencia das rúas Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaverio.
A rexedora lucense, acompañada polo tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, mantivo esta tarde un encontro coa veciñanza da zona para presentarlles o proxecto.
“Trátase dunha actuación coa que dende o goberno local queremos dar resposta á sensibilidade cidadá que, a través do movemento asociativo, nos trasladou o seu interese por dispoñer dun punto común de encontro que, ao tempo que posibilite a socialización, axude a mellorar, tamén, a súa imaxe dentro do conxunto da cidade”, sinalou Méndez.
A alcaldesa explicou que os traballos terán unha tripla vertente: urbanística, social e de servizos.
“Por unha banda contribuirán a rexenerar a contorna, dotando a este espazo – xa moi envellecido e que levaba anos sen modernizarse – dunha nova aparencia que lle conferirá unha identidade propia, grazas ao deseño específico co que foi proxectado, en consonancia co resto de intervencións que estamos levando a cabo noutros barrios da capital e co obxectivo de incrementar a súa habitabilidade e confort para a poboación”.
“Por outro lado, temos que destacar tamén a transcendencia que, logo da pandemia, adquiren, nas cidades, os lugares de socialización ao exterior, en tanto favorecen as relacións persoais – fundamentais para a saúde mental e física – e predispoñen á convivencia interxeracional nun marco seguro polo que a rehabilitación desta praza suporá un impulso a cuestións tan importantes para o benestar social como a integración e a inclusión efectivas”, subliñou Lara Méndez.
“E, finalmente, non podemos esquecer tampouco a necesidade, como é a nosa vontade, de seguir creando dotacións que dean servizo á cidadanía, que nos permitan avanzar na equiparación de infraestruturas en todo o municipio. Neste caso, falamos dunha comunidade residencial integrada por moitas vivendas que carecían dun lugar de reunión ou de mobiliario axeitado que convide á parada e ao descanso”, indicou a rexedora.
A intervención terá lugar nunha parcela municipal, catalogada como zona verde, de 134’22 m², que se sitúa na intersección das devanditas vías, polo que resulta un punto de paso obrigado para as persoas que precisen desprazarse dunha parte á outra.
Nese enclave e segundo relatou a alcaldesa, a área de Medio Ambiente creará un pequeno percorrido peonil circular, cunha traza en planta semellante a un oito, que disporá dun banco continuo da mesma forma. Este conxunto encerrará unha gran árbore cuxa misión será a de proxectar sombra sobre a superficie de asento. Igualmente contará con iluminación indirecta para achegar calidez nocturna ao espazo reformado.
A obra, que dispón dun prazo de execución de tres meses, suporá un investimento municipal de 48.373 euros.
Pola súa banda, o concelleiro responsable, Miguel Fernández, deu conta dos detalles máis técnicos do proxecto.
“Os labores comezarán coa retirada do pavimento existente e a creación da nova zona verde así como a cimentación da estrutura prevista co perfil específico e, posteriormente, acometerase o muro de formigón curvado e un banco continuo que terá ao redor de 29’50 metros de lonxitude. O asento estará revestido dun laminado compacto decorativo de alta presión. Con este tipo de elemento e a súa disposición en planta preténdese crear un percorrido circular dentro da pequena praza. Toda a superficie exterior ao mobiliario exposto dentro da zona de actuación converterase nun manto de céspede ornamental e a área interior que pecha o muro acollerá un xardín que terá como protagonista principal unha gran árbore”, referiu o tenente de alcaldesa.
O edil de Medio Ambiente engadiu, alén, que este espazo irá dotado con iluminación led no perímetro do mobiliario e con balizas e luminarias empotrables.
Nos últimos meses o Goberno de Lara Méndez levou a cabo outras medidas de humanización de diferentes puntos da cidade como a creación dunha nova praza na Piringalla ou do parque Xosé Novo Freire, así como a remodelación do de Augas Férreas ao tempo que se melloraron os de Rosalía de Castro, Pazo de Feiras e Albeiros e se ampliaron o de Aquilino Iglesia Alvariño e Campo Castelo e mesmo se peonalizou a rúa do Esquecemento e se rexenerou o Camiño Primitivo ao seu paso polo Carme.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a humanización de Paradai | Descargar mp3