O Concello inviste nestas tarefas uns 48.000 euros para permitirlle este servizo básico a toda a veciñanza, posto que a día de hoxe só dispoñían de saneamento as vivendas emprazadas nas inmediacións da estrada LU-612

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisaron, xunto a veciños e veciñas, as obras que o Concello está a acometer no núcleo da Pena da Mula, en Piúgos, co fin de ampliar a rede de saneamento nesta zona. Trátase dunhas tarefas cun orzamento de preto de 48.000 euros que permitirá que este servizo chegue á totalidade das vivendas do núcleo, posto que ata a actualidade soamente dispoñían de saneamento as vivendas emprazadas nas imediacións da estrada LU-612, de Lugo a Portomarín.
Para o Goberno Local estas obras suporán "unha importante mellora nun servizo público básico" e enmárcanse ademais na súa aposta e compromiso por mellorar as dotacións no rural, co obxectivo de garantir a mesma calidade de vida aos e ás luguesas, independentemente de onde residan, na cidade ou na zona rural.
As tarefas para instalar a nova rede de canalización discorren pola cuneta do lado dereito da estrada provincial LU-P-2906. Deste xeito redúcese a afección á estrada provincial e facilítase a realización de acometidas.
Con esta actuación, debido á gran pendente existente, construiranse uns 4 pozos de resalto, para reducir a velocidade das augas. Por riba de saneamento, disporase a cuneta remontable formigonada, para recoller as augas pluviais. Deste xeito, a rede proxectada será unicamente de saneamento.
Este ramal entroncará co centro do núcleo, a través de dúas vías de titularidade municipal. Nestas dúas estradas, a rede de saneamento irá polo centro, a unha profundidade de 1 metro. Unha vez que o trazado supere as últimas vivendas do núcleo, realizarase un cruce de calzada, para levar o tubo pola marxe esquerda da estrada provincial. O trazado seguirá nesta marxe ata alcalznar o pozo de rexistro. Non se executará neste pozo directamente, senón que se fará noutro a unha distancia de 2 metros.