Lara Méndez avoga polo respaldo unánime ao Campus Terra para garantir a súa continuidade e a adhesión de estudantado

A rexedora lucense recibiu, nunha visita institucional ao Concello, á nova directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería. Rosa Romero Franco é a primeira muller que ocupa o cargo.

Na xuntanza, Méndez puxo en valor o prestixio da USC en Lugo e as súas capacidades como motor económico, tecnolóxico e empresarial e como dinamizador do tecido social.

Xoves, 14 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
   Lara Méndez avoga polo respaldo unánime ao Campus Terra para garantir a súa continuidade e a adhesión de estudantado

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu nunha visita institucional á Casa Consistorial a Rosa Romero Franco, a nova directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e a primeira muller que ocupa este cargo.

No encontro, o primeiro oficial logo do seu nomeamento o pasado mes de maio, a rexedora quixo poñer de manifesto a relación de cooperación permanente que existe entre o Concello e a Universidade e amosou a súa vontade por “seguir traballando conxuntamente no fortalecemento das liñas de colaboración que mantemos, o que redundará non só en beneficio da docencia e da investigación, senón tamén no conxunto da cidade”, en alusión ao “papel incuestionable que desenvolve a Universidade como motor económico, tecnolóxico e empresarial e como dinamizador do tecido social”, afirmou Méndez.

A mandataria local abordou con Rosa Romero as liñas de actuación máis destacadas que, neste momento, está a desenvolver o Executivo, ao abeiro da segunda gran transformación do municipio, así como os proxectos que as dúas entidades comparten e os retos de futuro e a oportunidade que supoñen os fondos europeos para afrontalos.

“Da Universidade saíron multitude de traballos de fin de carreira ou fin de grao relacionados coas infraestruturas viarias, a mobilidade sostible, a seguridade viaria na capital e mesmo coa dotación de abastecemento e saneamento das parroquias, que nutriron e inspiraron a decisión política e o labor dos técnicos municipais”, salientou a alcaldesa.

Lara Méndez quixo enxalzar tamén o perfil integrador e multidisciplinar da Escola Politécnica, na que se imparten cinco títulos de grao, un dobre grao e un grao aberto, alén de cinco másteres oficiais e dous propios con tres programas de doutoramento e que conta con numerosos docentes adscritos a máis dunha vintena de departamentos, “o que evidencia a capacidade deste centro para poder seguir avanzando na internacionalización do Campus lucense e no seu atractivo para captar alumnos procedentes doutras universidades pero tamén para ser unha excelente opción para o estudantado da provincia, que con esa gran oferta da que dispón, resulta un estímulo para formarse permanecendo nos seus fogares”, destacou a rexedora.

Méndez subliñou, igualmente, o papel da USC en Lugo, en tanto contribúe á vida social da cidade a través da residencia do alumnado e das actividades de divulgación científica, conferencias, congresos, etc que organiza.

“Non podemos esquecer tampouco a importante tarefa que realiza a nivel turístico xa que, grazas aos programas de mobilidade, as persoas que participan deses intercambios resultan ser grandes embaixadoras lucenses nos seus lugares de orixe polo que cómpre, dende todas as Institucións, ofrecer un respaldo unánime ao Campus para fortalecer as estruturas xa existentes, impulsar a substitución xeracional en materia de persoal e potenciar a súa proxección, promocionando as titulacións que posuímos, para incrementar o número de matriculacións e garantir, así, a súa continuidade”, concluíu a alcaldesa.

Multimedia

  •    Lara Méndez avoga polo respaldo unánime ao Campus Terra para garantir a súa continuidade e a adhesión de estudantado
  •    Lara Méndez avoga polo respaldo unánime ao Campus Terra para garantir a súa continuidade e a adhesión de estudantado

Noticias relacionadas