Infraestruturas renova o alumeado público no barrio da Tinería

Alexandre Penas: "esta actuación permitiranos reducir un 50% no consumo de electricidade, reducindo tamén o gasto en mantemento"

A concellería de Infraestruturas inviste 15.890,69€ nesta intervención, “que se realizará en horarios que non afecten aos comercios da zona”

Sábado, 20 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Infraestruturas renova o alumeado público no barrio da Tinería

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou que actualmente se está a traballar na renovación do alumeado público no barrio da Tinería, nas rúas Tinería, Falcón e Miño, ademais da Rinconada do Miño e o Recanto do Miño. Alexandre Penas explicou que “continuamos a traballar na renovación do alumeado público da cidade, dentro do plan que iniciamos desde a concellería de Infraestruturas coa nosa chegada ao goberno, aplicando a perspectiva de xénero e buscando unha mellora da calidade do mesmo”.

A concellería de Infraestruturas está a substituír as 64 luminarias actuais, que utilizan haloxenuros cerámicos e requiren unha potencia de 150W cada unha, por proxectores LED de 58W. Este novo alumeado dará unha luz máis uniforme nas rúas, e permitirá reducir os custos en mantemento, dado que este alumeado sofre un número de avarías moito menor. Ademais, Alexandre Penas explicou que “só se está a mudar o equipamento eléctrico e electrónico, deixando as estruturas para manter a estética do alumeado”.

Desde a concellería de Infraestruturas Urbanas invístense 15.890,69€ nesta actuación, que permitirá diminuír o consumo de potencia en 5.8 kW, o que suporá unha reducción dun 50% no consumo eléctrico, e redurirá tamén a contaminación lumínica e as emisións de CO2. O edil de Infraestruturas explicou que “os traballos levaranse a cabo en horarios que non afecten aos distintos establecementos comerciais da Tinería”.

 

Multimedia

  • Infraestruturas renova o alumeado público no barrio da Tinería

Noticias relacionadas