Gobernanza inicia unha campaña para incentivar á domiciliación dos tributos municipais a través da sede electrónica

Dende mañá será posible realizar o trámite na plataforma lugo.gal co único requisito de dispoñer de certificado dixital.

“A vía telemática permite fraccionar o pago, realizar o procedemento de maneira áxil e sinxela e sen necesidade de aportar ningún tipo de documentación”, sinala Paula Alvarellos.

A área de Tesourería emite ao ano 455.834 recibos de taxas e tributos locais e o 80’29% se xira ás e aos contribuíntes a través do banco.

Martes, 22 de xuño de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Gobernanza inicia unha campaña para incentivar á domiciliación dos tributos municipais a través da sede electrónica

Dende mañá será posible realizar a domiciliación dos tributos municipais a través da sede electrónica do Concello de Lugo. Esta é unha das melloras que se foron implantando ao abeiro da transformación e modernización da administración que o Goberno de Lara Méndez puxo en marcha no anterior mandato e á que se lle deu impulso durante a pandemia.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos comunicou que, “logo de habilitar o procedemento informático, a cidadanía poderá solicitar este trámite dunha maneira áxil e sinxela coa que se simplifica o abono das taxas e tributos locais, en tanto non require da aportación de documentación e permite efectivizar o pagamento con maior inmediatez, evitando recargas non desexadas”.

A concelleira deu conta de que o único requisito imprescindible para empregar este sistema é estar en posesión de certificado dixital.

“Toda vez que o certificado estea operativo, o único que hai que facer é identificarse con el na plataforma lugo.gal e seguir o itinerario do CATÁLOGO DE PROCEDEMENTOS no que figura, co código T020, a DOMICILIACIÓN DE RECIBOS. Automaticamente, aparecerán as unidades fiscais que esa persoa ten ao seu nome, polo que só deberá seleccionar aquelas nas que quere proceder á domiciliación do recibo e indicar o número de conta onde desexa que se lle xire”, indicou Alvarellos Fondo.

Recorrer ao sistema telemático ten – segundo sinalou a responsable da área económica – importantes vantaxes. “A primeira é unha maior dilixencia en todo o proceso porque se evita ter que pedir cita previa e acudir ao Rexistro para entregar a instancia e tampouco resulta necesario aportar documento algún. O único que cómpre facer é asinar unha declaración responsable confirmando a titularidade, ou a autorización da/do titular, da conta bancaria que se facilita”.

Isto redundará, a xuízo de Paula Alvarellos, na mellora da xestión tributaria municipal con beneficios para a Administración pero tamén para a/o administrado.

“É de salientar que o departamento de Tesourería emite ao ano máis de 455.834 recibos e o 80’29% (366.004) están domiciliados. Abordalos dixitalmente facilita o seu tratamento, que pode realizarse, así, con maior prontitude aforrando custos, medioambientais – polo papel que deixa de utilizarse – e tamén económicos xa que o Concello de Lugo destina ao ano ao redor de 10.000 euros para imprimir e enviar por correo os recibos das taxas e impostos restantes (89.830). Así mesmo, o feito de que este chegue directamente ao banco supón unha relaxación para o contribuínte que non ten que estar pendiente do calendario fiscal nin recibe recargas se non se axusta aos prazos establecidos nel ademais de que, así, a cota pode fraccionarse en períodos semestrais”, abondou Paula Alvarellos.

A concelleira indicou tamén que, para que a domiciliación surta efecto, esta debe realizarse con dous meses de antelación ao inicio do período voluntario de pago.

“Se o exemplificamos co IBI, que pode pagarse entre o 20 de abril e o 20 de xuño, a solicitude deberá cursarse antes do 20 de febreiro dese mesmo ano, senón a domiciliación será efectiva no recibo do exercicio seguinte”, abondou Alvarellos.

A titular da área económica do Concello convidou á cidadanía a ir familiarizándose, pouco a pouco, coa sede electrónica para perder o medo a manexarse con estas aplicacións informáticas “que chegaron para quedarse e que lle infiren dinamismo á tramitación burocrática contribuíndo a simplificar os procesos administrativos cunha maior comodidade para as e os usuarios”, concluíu Paula Alvarellos.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a domiciliación de recibos na Sede Electrónica| Descargar mp3

Noticias relacionadas