Fallado o I Concurso fotográfico Vivindo Lugo: Mocidade Saudable

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, da que é responsable en funcións Carmen Basadre, informa das fotografías gañadoras do I Concurso fotográfico Vivindo Lugo: Mocidade Saudable organizado dende o servizo municipal de Prevención de Drogodependencias e enmarcado nas actividades do programa +XTI

Venres, 05 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O primeiro premio é para Isaac Quitéria Mejuto, pola imaxe "Pisando forte", que representa unha roda de bicicleta pisando tabaco e no adarve da Muralla. O galardón consiste en material fotográfico valorado en 300 euros máis un diploma acreditativo.

O segundo premio foille concedido a Diego Segade Blanco, pola fotografía titulada "Fusionando espazos, fusionando xentes", que representa a un piragüista. Neste caso, a dotación do premio é material valorado en 200 euros máis diploma.

E o xurado acordou concederlle o terceiro premio, que consiste en material por valor de 100 euros máis diploma, á fotografía que leva o título "Ti escolles", na que se ven un vaso con unha consumición e outro con dúas rosas nunha copa da que tamén é autor Isaac Quitéria Mejuto.

A este concurso, convocado para favorecer os estilos de vida saudables e as posibilidades de goce que ten a cidade de Lugo para a mocidade, presentáronse 14 fotografías realizadas por mozos e mozas con idades comprendidas entre 16 e 35 anos

Consonte as bases do certame, a temática das fotos tiña que estar relacionada co lecer saudable, hábitos positivos, contrapublicidade do alcool ou actividades físicas e cada participante podía presentar ata un máximo de 3 obras en branco e negro ou cor.

Noticias relacionadas