A exposición 'Imaxes con fondo' promove no Centro de Convivencia de Fingoi valores como o respeto e a solidariedade

A mostra gratuíta, que se poderá visitar ata o 24 de xullo, está composta por 20 paneis, deseñados polo debuxante Pepe Carreiro

O vindeiro 21 de xullo, de 10:30 a 12:00 horas, neste mesmo centro levarase a cabo un obradoiro de fotografía social. Os interesados poden inscribirse dende o 12 ao 15 de xullo no propio centro

Luns, 11 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou de que dende este luns e ata o 24 de xullo se pode visitar a mostra fotográfica Imaxes con fondo no Centro de Convivencia de Fingoi. Trátase dunha exposición organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración do Concello.

Esta mostra, composta por vinte paneis e deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada pola compilación das 19 obras máis significativas entre as presentadas ao concurso de fotografías Imaxes con fondo, levado a cabo no ano 2012. Os paneis tratan diferentes temáticas, como a solidariedade interxeracional, o aforro enerxético, o respecto medioambiental, o consumismo da cidade occidental, a prostitución, a explotación laboral, as iniquidades que xera o modelo de produción actual, a crise alimentaria e as iniquidades entre o norte e o sur, entre outros.

Obradoiro de fotografía social
Tamén, o 21 de xullo de 10:30 a 12:00 horas neste mesmo centro levarase a cabo un obradoiro de fotografía social, relacionado con esta exposición e que estará impartido por Felipe Carnotto, o fotógrafo vigués gañador do concurso Imaxes con fondo II e creador da mostra Nicaragua. O futuro, financiada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este obradoiro está dirixido a maiores de 18 anos ou de 14 acompañados dunha persoa adulta. Para todos os interesados, o prazo de inscrición é do 12 ao 15 de xullo no propio centro de convivencia.

Noticias relacionadas