Este xoves empeza o obradoiro infantil Muralla Lugo10 que subvenciona o Ministerio de Cultura

Martes, 13 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presentou esta mañá o obradoiro infantil “Muralla Lugo10 ti recordas, eu aprendo”, dirixido ós nenos e nenas que están a participar no programa de actividades organizado este verán na rede municipal de Centros de convivencia. Este Obradoiro, incluído no programa Lugo10, foi subvencionado polo Ministerio de Cultura e pretende familiarizar ós nenos de Lugo coa Muralla. Para elo vanse celebrar numerosas actividades como a reprodución da Muralla con material reciclado.

O Obradoiro vaise celebrar do 17 de xullo ó 3 de setembro e terá lugar todos os martes e xoves de 9.30 a 13.30.

A Concelleira explicou que 440 nenos participan este verán nas Aulas Abertas que se celebran nos Centros de Convivencia.
Tamén explicou que esta actividade “non lle custa nada ó Concello porque vai con cargo ás melloras que ofreceu a empresa contratada para desenvolver o programa de animación sociocultural”.

Carmen Basadre indicou que este ano “houbo máis demanda sobre todo no mes de xullo e atendéronse todas as solicitudes, aínda que por falta de espazo, algúns nenos da zona norte tiveron que acudir ó Maruja Mallo, situación que se resolverá o ano que vén co novo centro de convivencia María Balteira”.

Tamén están completas as prazas nas actividades organizadas para adultos, que superan as 1.000.

Outra novidade que comentou a Concelleira de Benestar Social é a nova programación da Casa das Linguas que ofrece por primeira vez actividades para os menores de dez anos que vaian acompañando ós seus pais.

Por último, Basadre anunciou que o vindeiro día 21 haberá varios actos para conmemorar o primeiro ano do centro Maruja Mallo. Están previstos un concerto, unha conferencia sobre a pintora e tamén se traballará cunha obra dela nas actividades para nenos.

Centro do Sagrado Corazón

A Concellería de Benestar Social explicou, por outra parte, que o Centro social do Sagrado Corazón está rodeado por un tipo de balconada que ten acceso mediante tres escaleiras e unha rampa nun dos accesos, todo elo provocado pola orografía do terreo e o trazado urbano das rúas. No interior do edificio a accesibilidade resolveuse hai 8 anos conforme á normativa vixente. A entrada ó Centro tamén é accesible por unha porta traseira.

O local anexo, que se emprega para actividades puntuais, non ten adaptados os aseos, entre outras razóns porque este local non é municipal, senón que pertence a Caixa Galicia.

www.lugo10.es

Programación verán 2010 Centros Sociais e de Convivencia (PDF 3,06 MB)

 

Multimedia

Noticias relacionadas