Este domingo, Día da Bicicleta: 25 anos pedaleando por Lugo

As persoas interesadas en participar neste evento, co que colabora o Concello, poden inscribirse ata o día 20 no horario de apertura de Decathlon

O Concello ten previsto un plan de tráfico cos efectos de garantir a seguridade dos e das asistentes a esta cita deportiva

Xoves, 18 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A cidade acollerá este domingo un percorrido ciclista para celebrar o Día da Bicicleta, que nesta edición cumpre 25 anos pedaleando por Lugo. O Concello colabora con esta cita deportiva, cuxo obxectivo principal é concienciar á cidadanía sobre o uso deste medio de transporte sostible e responsable co medio ambiente. Esta actividade, que reúne en cada edición máis dun milleiro de participantes, está aberta a persoas de todas as idades.

Para participar, as e os interesados poden inscribirse nas instalacións de Decathlon Lugo, colaborador da proba, ata o sábado, 20 de outubro. A entidade local lembra que é obrigatorio o uso do casco.

As persoas participantes concentraranse fronte á Casa do Concello ás 11:45 horas e a saída está prevista ás 12:00 horas, realizando o seguinte percorrido, duns 6,5 quilómetros:

  • Saída: Praza Maior, cara o Círculo das Artes
  • Ronda da Muralla
  • Rúa Vilalba
  • Rodríguez Mourelo (ida)
  • Doutor Portela (ida)
  • Doutor Portela (volta)
  • Rodríguez Mourelo (volta)
  • Ramón Ferreiro (ida)
  • Volta á altura de Pintor Corredoira
  • Ramón Ferreiro (volta)
  • Anxo López Pérez
  • Ronda Muralla (unha volta completa)
  • Rúa Vilalba (2º paso)
  • Anxo López Pérez (2º paso)
  • Ronda Muralla (2º paso ata rúa Montevideo)
  • Desvío en dirección ao casco histórico á rúa Montevideo
  • Quiroga Ballesteros
  • Santo Domingo
  • Rúa da Raíña
  • Fin en Praza Maior

Plan de tráfico

O Concello ten previsto un plan de tráfico para os efectos de garantir a seguridade dos participantes neste evento. Contarase coa presenza dun vehículo policial na cabeza, acoutando o inicio da proba e outro pechando o grupo, que determinará o fin do espazo utilizado para a marcha, mantendo a unidade do grupo.

O itinerario estará controlado por efectivos da Policía Local e Protección Civil nos puntos onde exista risco para a seguridade viaria dispoñendo de sinalización circunstancial.

A Sala de Control de Tráfico contará cun operador de servizo desde as 11:30 horas para dispoñer os semáforos da Rolda da Muralla e da Avenida da Coruña, segundo conveña en cada momento, durante o desenvolvemento da marcha.

Noticias relacionadas