Elixidos os traballos gañadores dos certames narrativos "Toda unha vida" e "Entre Iguais"

Venres, 04 de marzo de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Carmen Basadre, deu a coñecer hoxe os traballos gañadores dos certames narrativos “Toda unha vida” e “Entre iguais”.

“Entre iguais”, certame de narrativa xuvenil

“Entre iguais” é un certame dirixido a rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos, incluído dentro das actuacións do II Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Lugo. Os traballos presentados debían ser inéditos, escritos en lingua galega, de tema libre, e baseado en calquera aspecto relacionado coa igualdade entre mulleres e homes: o reparto das tarefas do fogar, o coidado das persoas, o acceso ao traballo, etc.

Os seleccionados neste certame foron:

1º PREMIO. Diploma e premio valorado en 250 € para María Nerea Capón Lamelas
2º PREMIO. Diploma e premio valorado en 150 € para Gabriel Cardeiro Fernández
3º PREMIO. Diploma e premio valorado en 100 € para Antonio Torres Gómez

O xurado estivo composto pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, a representante do Foro de Participación Cidadá, Sofía López Linares, a profesora Tatiana Jiménez Lorenzo e a técnica da Casa da Muller, Belén Regueiro Burgo.

“Toda unha vida” certame de narrativa para mulleres

Co gallo da celebración do 8 de marzo “Día Internacional das Mulleres” o Concello de Lugo convocou “Toda unha vida”, certame de narrativa dirixido a mulleres a partir dos 60 anos. Os traballos presentados debían ser inéditos, escritos en lingua galega ou castelá de tema libre. Os traballos debían destacar calquera aspecto baseado na experiencia acumulada ao longo dos anos da vida: os amores, as amizades, os traballos, as diversións...

O traballo gañador neste certame foi o presentado por Julia Teijeiro González. Recibiron un accésit os relatos de Marina Cillero Rodríguez, Concepción López Fernández e María Álvarez López.

O xurado estivo composto pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, o escritor Darío Xoán Cabana, e a técnica da Casa da Muller, Belén Regueiro Burgo.

Os premios de ambos certames serán entregados no transcurso dun acto que se celebrará na Casa do Concello o vindeiro día 11 de marzo.

Máis información: Certames e Concursos que organiza o Concello de Lugo

Noticias relacionadas