A Deputación de Coruña incorporará o modelo construtivo sostible coa madeira que impulsa Lugo no seu programa de residencias

Así o avanzou hoxe o presidente Valentín Formoso, que visitou as innovacións do novo centro social de O Castiñeiro-Lamas de Prado tras coñecer o edificio Impulso Verde.

O delegado do Goberno, José Ramón Besteiro: “Lugo é un referente en España e no continente en canto á esixencia que está marcando Europea para as novas edificacións”.

Lara Méndez lembrou que o Concello lucense é a única administración de España que constrúe inmobles públicos en altura en madeira, “o que reforza o sector forestal galego”.

A Alcaldesa lucense manifestou a súa preocupación xa que a Xunta non paralizou as vivendas públicas en O Castiñeiro, “nin comezou a traballar en novas execucións”.

Martes, 25 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Deputación de Coruña incorporará o modelo construtivo sostible coa madeira que impulsa Lugo no seu programa de residencias

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo un encontro hoxe co presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, e o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, para coñecer de primeira man o novo edificio de servizos sociais que o executivo municipal impulsou na zona de O Castiñeiro-Lamas de Prado, que segue o modelo construtivo do Impulso Verde ao empregar a madeira como elemento estrutural. Estiveron acompañados pola subdelegada, Isabel Rodríguez, e a concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga López.

“Lugo está a apostar por edificios sostibles como o Impulso Verde que utiliza a madeira como elemento construtivo, enmarcado no proxecto europeo LIFE Lugo + Biodinámico”, explicou a rexedora, quen subliñou que “non queríamos quedarnos só nese proxecto, por iso decidimos facelo extensible a outra estratexia europea como é o DUSI Muramiñae, onde levantamos un centro social para dar cobertura a máis de 20.000 persoas do barrio do Castiñeiro, apostando tamén pola súa construción en madeira, e pronto executaremos o novo polideportivo municipal”.

Méndez subliñou que “esta é a tendencia que nos marca Europa, e o Concello de Lugo é unha administración pioneira na edificación de inmobles públicos co uso da madeira”.

“Queremos que no urbanismo a sostibilidade tamén sexa un elemento transversal”, subliñou a rexedora quen recordou que “países como Francia están marcando esa folla de ruta, na que o 50% das edificacións públicas teñen que incorporar elementos sostibles como a madeira, e no noso caso, o Concello de Lugo volve a estar á vangarda co uso deste material, que non só é sostible, senón que despois tamén nos permite un aforro enerxético importante”.

Pola súa parte, Valentín Formoso lembrou que “tiven a sorte de coñecer o Impulso Verde hai escasos meses, unha gran experiencia que complementamos visitando a única fábrica que noroeste español produce estruturas de madeira para edificios tan voluminosos como o da Garaballa”. O presidente provincial da Coruña subliñou que “cidades como Vancouver, Rotterdam, Oslo ou Lugo xa son referencia nesa idea que ten a Unión Europea de implementar a madeira como elemento construtivo e nós, dende a Deputación da Coruña, tamén queremos fomentar o seu uso nos nosos edificios”.

Así, Formoso avanzou que “imos a incorporar o modelo construtivo que impulsa Lugo no programa de residencias públicas, para o que xa aprobamos unha partida económica de 6 millóns de euros, e cuxo próximo paso será a aprobación no vindeiro pleno provincial da redacción dos proxectos de tres edificios, nos que incorporaremos a madeira como elemento estrutural, para seguir impulsando esta tendencia que nós tamén, na provincia da Coruña, queremos emular”.

Finalmente, o delegado do goberno, José Ramón Besteiro, apuntou que tanto o Impulso Verde como o centro social de Lamas de Prado “son mostras tanxibles desa segunda gran transformación que está vivindo a cidade de Lugo, apostando pola sostibilidade”. “Lugo está sendo un referente en España e no continente en canto á esixencia que está marcando a Unión Europea de que a rehabilitación ou a construción de novos edificios, ao menos o 50% deles cumpran os parámetros de sostibilidade e, polo tanto, de modernidade e de respecto polo medio ambiente”, dixo.

Vivenda pública

A rexedora aproveitou a visita para reclamar, novamente, que a Xunta traslade o proxecto de construción de pisos de protección oficial previstos en O Castiñeiro á primeira localización prevista: Garabolos, paralizando xa de maneira oficial o proceso de adxudicación destes inmobles, que segue aberto, dando resposta así ao acordo plenario unánime da Corporación e ás peticións veciñais”. Méndez instou á Xunta a non poñer en perigo os fondos que Europa transferiu á Xunta para este fin, “tendo en conta que en Lugo temos unha demanda de vivenda pública altísima, máis de 1.300 persoas inscritas como demandantes, polo que tendemos a man á Xunta para dar resposta a esta necesidade, tendo en conta que as competencias neste eido son da administración autonómica”.

Así mesmo, Besteiro subliñou que “a vivenda é un problema real e dende o Goberno de España estamos facendo un esforzo moi importante, destinando case 400 millóns ata o ano 2026 para darlle resposta, que se transferirán tamén cara a Xunta de Galicia”. “Con eses 400 millóns se rehabilitarán unhas 20.000 vivendas; se impulsará o bono de aluguer para a xuventude e tamén se vai a financiar a construción de máis de 1.200 vivendas para aluguer social; ademais, o banco malo da Sareb se vai a converter nun banco de vivendas bo e útil para os cidadáns; así, ante un problema, o Goberno de España propón unha solución”.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a visita ó Edificio Lamas de Prado | Descargar mp3
  • O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, sobre a visita ó Edificio Lamas de Prado | Descargar mp3
  • O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, sobre a visita ó Edificio Lamas de Prado | Descargar mp3

Multimedia

  • A Deputación de Coruña incorporará o modelo construtivo sostible coa madeira que impulsa Lugo no seu programa de residencias
  • A Deputación de Coruña incorporará o modelo construtivo sostible coa madeira que impulsa Lugo no seu programa de residencias

Noticias relacionadas