A custodia compartida en casos de violencia de xénero centrou o desenvolvemento das conferencias con motivo do Día contra a violencia

Venres, 25 de novembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, inaugurou as xornadas que se celebran con motivo do Día en contra da Violencia de Xénero e que culminan mañá venres 25 cunha ofrenda floral.

Carmen Basadre explicou que “nestas xornadas contra a violencia de xénero vaise tratar un tema que nos está preocupando actualmente que é o síndrome de alienación parental, e preocúpanos porque detrás dalgunhas custodias compartidas existen casos de violencia de xénero” polo que considera necesario que a sociedade coñeza todos os puntos de vista deste proceso que se puxeron de manifesto durante os debates que houbo ao longo da xornada na que se produciron moitas intervencións por parte das persoas asistentes.

A Concelleira fixo fincapé en que o que queremos nós “é dar unha versión diferente á que se está escoitando nos últimos tempos, o que queremos é buscar todas as opinións e que a xente despois decida o que hai detrás de cada postura.” Para que esto sexa así durante a xornada de hoxe tiveron lugar diferentes conferencias que abordan a custodia compartida dende diferentes puntos de vista e abertas á participación de todos as persoas interesadas.

Desta maneira, ás 09:45 horas comezou a primeira conferencia titulada SAP: romper o silencio impartida Rosa Méndez Vila, membro do Observatorio Estatal de Violencia sobre a Muller, que ofreceu os seus coñecementos en materia da custodia compartida mediante a análise da situación actual a través dos datos oficiais que manexan. A segunda delas foi ás 12:15 horas impartida por Altamira Gonzalo Valgañón, avogada e ex-presidenta da Fundación THEMIS de Mulleres Xuristas, que ofreceu a visión xurídica da custodia compartida.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas iniciouse unha táboa redonda sobre A custodia compartida imposta: pros e contras na que participaron Estela San José Asensio, maxistrada do Xulgado de Instrución nº 3 de Lugo, José Antonio Sampayo Moure, Xefe da Sección da Clínica Forense do IMELGA de Lugo, representantes dos grupos políticos e representante da Asociación Enriqueta Otero, na que se puxeron en común diferentes opinións e vivencias sobre a custodia compartida imposta que está en vigor nalgunhas comunidades autónomas.

Foro de Participación pola Igualdade

As actividades rematan mañá venres 25 de novembro ás 12:00 horas, momento no que se levará a cabo a tradicional ofrenda floral na praza de Santo Domingo como homenaxe ás mulleres vítimas de violencia. Neste acto realizarase a lectura dun manifesto acordado polo Foro de Participación pola Igualdade, o texto que elaboraron foi froito do consenso de todos os membros do devandito foro, entre os que están representantes de asociacións de discapacidade, de asociacións de inmigrantes, a asociación de Mulleres Empresarias, a asociación de veciños Ramón Ferreiro, representantes das secretarías de muller dos sindicatos CIG, UXT, e CCOO, representación do Secretariado Gitano, e membros do PSOE, BNG e PP.

Multimedia

Noticias relacionadas