Convocado o proceso selectivo para a cobertura de prazas de Policía Local, enxeñeiro agrícola e axudante de cociña

Venres, 04 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, informou este venres de que vén de asinar tres decretos a través dos que o Concello convoca o proceso selectivo para a cobertura de prazas de Policía Local, enxeñeiro técnico agrícola e axudante de cociña-limpeza, unha vez aprobadas na Xunta de Goberno a finais de xullo as bases que regularán a devandita selección.

No caso da Policía, convócase o proceso para o acceso en propiedade a dúas prazas pola quenda de mobilidade horizontal, correspondentes á Oferta Pública de Emprego (OPE) 2015, e que reforzará a plantilla actual de axentes. O sistema selectivo será o de concurso entre funcionarios doutros corpos da Policía Local da comunidade autónoma galega, e consiste na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados, se é o caso, polos aspirantes dacordo coa baremación establecida nas bases, cos seguintes piares: titulacións académicas, antigüidade, formación e docencia, distincións e recompensas oficiais, idiomas e lingua galega. O prazo de presentación de instancias para participar neste proceso selectivo será de 20 días naturais contados dende o seguinte á publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Oficina do rural

O Concello convoca tamén unha praza en propiedade, en quenda de promoción interna, de enxeñeiro técnico agrícola, pertencente á OPE 2015, que desempeñará as súas funcións na Oficina de Asuntos do Rural, creada a finais do pasado ano polo Goberno local e que a día de hoxe está atendida por unha interina, e tamén para informar de proxectos en solo rústico. A selección, por concurso oposición, consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polas persoas aspirantes no momento da presentación das instancias e en probas selectivas: exercizo teórico, práctico e de coñecemento da lingua galega. As instancias poderanse presentar durante 20 días naturais contados dende o seguinte á publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Polo que respecta ás prazas de axudante de cociña-limpeza, o Concello convoca un proceso selectivo para a elaboración dunha lista para a cobertura interina de prazas de funcionario. Constará de dúas fases: unha con probas teórica, práctica e de coñecemento do galego, e a baremación de méritos (experiencia profesional e formación). O prazo de presentación de instancias será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Noticias relacionadas