A Conta Xeral 2014 aprobada polo Pleno certifica a situación económica saneada e estable do Concello

A débeda financeira baixou un 20% o exercicio pasado, mentres se mantén o investimento por habitante en 800 euros sen aumentar o esforzo fiscal, que se sitúa en 600 euros por persoa. O prazo de pago a provedores é de 14 días

Martes, 13 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Pleno extraordinario do 13 de outubro

A Corporación municipal aprobou este martes nun Pleno extraordinario, cos votos a favor de PSdeG e Lugonovo, a Conta Xeral do 2014, que, como destacou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, certifica a situación saneada e estable do Concello. Segundo recolle o documento, “só no último exercicio a débeda financeira baixou nun 20%, ata os 22,5 millóns de euros, mentres se mantén o investimento por habitante en 800 euros, sen aumentar ademais o esforzo fiscal por parte dos cidadáns, que se sitúa nos 600 euros por persoa”, asegurou Prieto. Deste xeito, “o Concello inviste nos cidadáns máis do que teñen que tributar, en concreto un 25%”, engadiu.

A edil de Economía destacou así mesmo que o nivel de execución do Orzamento 2014 é do 70%, similar a exercicios anteriores, o superávit ascende a 10,7 millóns de euros e o prazo medio de pago aos provedores é de 14 días, case a metade dos 30 esixidos por Lei.

Ana Prieto subliñou por outra banda que, “dende que entramos no Goberno traballamos decididamente” para rematar coa existencia de facturas con reparo de Intervención correspondentes a contratos vencidos.

CD Lugo

No Pleno extraordinario desta mañá, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, respondeu ás preguntas formuladas por ACE en relación ao CD Lugo. Grandío explicou que, aínda que non era o obxectivo, o Concello acadou un beneficio de 40.000 euros coa venda das accións. O propio protocolo asinado coa entidade deportiva, engadiu, incluía a posibilidade de que, de superarse a data da devolución dos 600.000 euros achegados polo Concello para a conversión do Lugo en SAD, fixada para o 31 de decembro de 2013, non se concederían as subvencións recollidas no Plan Estratéxico.

O Concelleiro indicou que non era membro do Consello de Administración na data na que ACE preguntou se o edil tiña coñecemento das contas presentadas polo CD Lugo á Liga de Fútbol Profesional; que non percibiu remuneración por asistir ás reunións do Consello de Administración; que si acudiu a ditas xuntanzas, excepto unha; que recibía e estudaba as ordes do día e as actas; e que os “supostos” asuntos aludidos por ACE sobre o funcionamento do club “nunca foron obxecto de acordo en ningún Consello, nin os representantes das institucións participabamos na xestión diaria do club”.

A Alcaldesa, Lara Méndez, pola súa banda, esixiu “rigorosidade” a ACE, grupo ao que instou a solicitar e estudar a documentación oficial ao respecto antes de pedir “precipitadamente” comparecencias como a de hoxe, baseada “nunha nota de prensa”. A rexedora destacou o revulsivo económico que supón para a cidade que o CD Lugo estea en Segunda A e que a axuda económica que prestou o Concello, a instancia da propia entidade deportiva, non tivo ningún custe para as arcas municipais.

Audio

  • Declaracións de Ana Prieto, Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico | Descargar mp3

Noticias relacionadas