Terá unha duración de 4 anos prorrogables e permitirá aos alumnos e alumnas perfeccionar os seus coñecementos en tarefas que se adapten aos seus estudos.
Lara Méndez: “Este acordo adquire maior relevancia no momento actual, no que as empresas teñen máis dificultades para acoller alumnos, debido á Covid-19”.
A colaboración entre a administración local e a universidade esténdese a diferentes ámbitos como a promoción do patrimonio ou a aposta pola innovación.
- Tema

O Concello de Lugo e a USC veñen de asinar un convenio de colaboración para que os alumnos e alumnas desta universidade poidan realizar prácticas académicas, curriculares ou extracurriculares, nos diferentes departamentos municipais. Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez, quen subliñou que “este convenio terá unha duración de catro anos prorrogables e permitirá ao alumnado perfeccionar os seus coñecementos en tarefas que se adapten aos seus estudos e habilitadades, nos servizos que máis se axeiten á temática da titulación que estén a cursar”.
“Este acordo adquire maior relevancia no momento actual, no que as empresas teñen máis dificultades para acoller alumnos de prácticas, debido á situación sanitaria que estamos a vivir. Así, queremos ofrecer unha oportunidade de formación a todos aqueles alumnos e alumnas que esten a cursar os seus estudos na USC, xa sexa de grao, máster ou postgrao, ao tempo que retemos o talento da universidade na nosa cidade”, explicou a rexedora.
Deste xeito, o Concello renova e amplía o convenio que mantiña coa Universidade e segue a reforzar a colaboración da administración local coa universidade, unha colaboración que se estende a diferentes ámbitos de actuación como o apoio aos recén titulados; a difusión da cultura e o patrimonio lucense, coa xestión por parte da USC do museo da Domus do Mitreo, ubicado no Vicerreitorado; ou en materia de innovación e sustentabilidade, colaborando na execución do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea, e que situará a Lugo á vangarda no deseño das cidades verdes do futuro e na loita contra o cambio climático.