Iria Buide anunciou a publicación da listaxe provisional, cun investimento superior aos 9.000€.
Buide: "Buscamos fomentar a participación das familias no sistema educativo, mellorando a formación e colaborando na creación de comunidades".

Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, anunciou que vén de publicarse a listaxe provisional do programa de subvencións dirixidas a asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as (ANPAS) de centros sostidos con fondos públicos do Concello de Lugo para a realización de actuacións en materia de participación educativa. En total, realizarase un investimento de 9.093,47€ para as actividades das distintas asociacións ao longo do curso.
A concelleira explicou que con esta liña de axudas "buscamos fomentar as actividades que impliquen a participación das familias no sistema educativo, mellorando a formación e coñecemento deste e axudando, colaborando na creación de comunidades educativas". Este ano, como novidade, serán subvencionables actividades de formación sobre distintas temáticas (adiccións, educación emocional, primeiros auxilios ou igualdade entre outras) e actividades culturais, como visitas a museos, visitas turísticas, etc.
Dende a Concellería de Educación do Concello de Lugo, considérase que a participación das familias na educación é un factor fundamental para conseguir o éxito educativo. "É preciso apoiar dende as institucións esta participación dentro do ámbito das competencias que ten cada Administración, motivo polo que poñemos en marcha unha liña de subvencións para as asociacións de nais e pais". Hai que ter en conta, explica Buide, "que o Concello de Lugo, co fin de axudar á conciliación da vida laboral e familiar, está xa a prestar un servizo de actividades extraescolares, polo que o obxecto desta subvención ás ANPAS é distinto, e non poderá ir dirixido á realización destas actividades".
A concellería de Educación aproba, nesta listaxe provisional, 12 das 13 solicitudes presentadas, ao chegar unha fóra de prazo. Entre as actividades elixidas polas ANPAS figuran obradoiros sobre crianza consciente e acompañamento na adolescencia, educación contra o bullying, saúde familiar, novas tecnoloxías aplicadas ao ensino ou primeiros auxilios.
Audio
- Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, sobre as subvencións | Descargar mp3

