Concello e Deputación apoian de novo ao comercio local, "un comercio de proximidade, de calidade e amable", no XI Street Market

Lara Méndez, Mayra García e Marta López presentaron a nova edición desta xornada comercial, que terá lugar este venres de 10:30 a 21:00 horas de xeito ininterrompido

Uns 110 establecementos, de máis de 20 rúas da cidade, ofrecerán descontos nunha ampla representación do comercio da cidade, dende textil a decoración e alimentación

Martes, 05 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación apoian de novo ao comercio local, "un comercio de proximidade, de calidade e amable", no XI Street Market

Uns 110 establecementos da cidade ofrecerán este venres, 8 de setembro, descontos de máis do 80% na undécima edición do Comercio na Rúa-Street Market, unha xornada comercial organizada pola Asociación de Autónomas de Lugo. Concello e Deputación de Lugo apoian de novo ao comercio local lugués nesta cita, que foi presentada este martes no Salón de Plenos da Casa Consistorial pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García, e a presidenta do colectivo organizador, Marta López.

Lara Méndez asegurou que ao Goberno de Lugo "nos gusta potenciar o comercio local, posto que é un comercio de proximidade, de calidade e amable" e xa que se trata dun sector "que xera o 14% do PIB e o 16% dos postos de traballo do municipio, o que da boa mostra do seu  impacto social".

Nesta liña insistiu Mayra García, quen engadiu que "tendo en conta todas estas cifras oficiais, cremos que é necesario concienciar á cidadanía sobre a importancia de mercar nos comercios que temos ao pé da nosa casa, que axudan a dinamizar a economía da nosa provincia e de impulsar a compra neles". De aí que bolseiros e técnicos da Fundación TIC realizarán reportaxes para recoller o ambiente nas rúas e nos negocios participantes para difundir esta iniciativa. A Deputada sinalou que "coa colaboración da institución provincial e da TIC queremos contribuír a impulsar a vida comercial no centro da cidade. Hai que ter en conta que o sector do comercio da emprego a unhas 12.500 familas da provincia, nos máis de 5.000 establecementos que se distribúen no conxunto do territorio lugués, cunha media de 2,5 persoas traballadoras por negocio".

Máis de 20 rúas para mercar en horario ininterrompido

A presidenta da Asociación de Autónomas, Marta López, agradeceu ao Concello, Deputación e Federación de Comercio por permitirlles saír á rúa unha vez máis con esta iniciativa, na que participarán locais situados en máis de 20 rúas da cidade, en horario ininterrompido de 10:30 a 21:00 horas. Do mesmo xeito lembrou o inicio desta cita, que naceu nun momento difícil do comercio, pero que co paso se converteu "non só en bo para o comercio senón tamén para a cidade".

No XI Street Market participará unha ampla representación do comercio de proximidade de Lugo: textil, calzado, regalo, fogar, xoiería, peletería, decoración, eventos, mercería, perfumes, deporte, herboristería e golosinas, entre outros.

Para rematar, a Alcaldesa subliñou a implicación do comercio coa cidade, e nesta cita da Asociación de Autónomas, que involucra a todo o sector; ao tempo que puxo en valor a resposta da sociedade luguesa que sae a mercar á rúa edición tras edición.

Audio

  • A Alcaldesa Lara Méndez, sobre o Comercio na Rúa-Street Market |Descargar mp3

Multimedia

  • Concello e Deputación apoian de novo ao comercio local, "un comercio de proximidade, de calidade e amable", no XI Street Market

Noticias relacionadas