Concello e Club Fluvial impulsan a práctica do deporte entre os máis pequenos e pequenas cos Cursos de Piragüismo 2018

Miguel Fernández, Tito Valledor e Andrés Román presentaron, un ano máis, esta formación deportiva que se realizará ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro nas instalacións do Club Fluvial

Nesta ocasión, e debido á demanda das edicións anteriores, os Cursos de Piragüismo 2018 amplíanse nun mes máis de aprendizaxe cun total de 25 persoas por quenda. O prazo de inscrición ábrese o luns, tanto na área de deportes como no Club

Xoves, 10 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Club Fluvial impulsan a práctica do deporte entre os máis pequenos e pequenas cos Cursos de Piragüismo 2018

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, xunto ao Presidente do Club Fluvial, Tito Valledor e o Responsable de Piragüismo da entidade, Andrés Román, presentaron este xoves, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, os cursos de piragüismo 2018, organizados polo Concello e o Club Fluvial, co fin de ofrecer a nenos e nenas dende 9 anos de idade a posibilidade de iniciarse neste deporte tan arraigado na cidade.

No acto de presentación, Miguel Fernández, destacou que ademais de practicar o piragüismo os rapaces e rapazas participantes poderán facelo gozando da contorna natural do Río Miño. Nesta liña, o edil sinalou que “a cota do curso é de 30 euros e realizaranse ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro en tres quendas diferentes: quenda 1 de 12:00 a 13:00 horas; quenda 2 de 17:00 a 18:00 horas e unha última de 18:00 a 19:00 horas”.

Os nenos e nenas interesados en inscribirse poden recoller e cubrir a solicitude na Concellería de Deportes ou no Club Fluvial, lugar onde deberá entregarse o folleto informativo cuberto (a partir do luns 14 de maio), dúas fotos de carné e unha fotocopia do DNI. Ademais deberán cumprir cos seguintes requisitos: ter unha idade mínima de 9 anos, saber nadar de forma autónoma como mínimo 50 metros e dispoñer de roupa deportiva para a realización da actividade. Nesta ocasión, e debido á demanda das edicións anteriores, os Cursos de Piragüismo 2018 amplíanse nun mes máis cun total de 25 alumnos por quenda.

Esta formación deportiva ofrece aos e ás participantes a posibilidade de practicar deporte estando en contacto directo coa natureza, navegar en calquera tipo de auga e competir nas diversas modalidades do piragüismo, podendo alcanzar cotas máis altas.

Tito Valledor destacou que o Club Fluvial “pon a disposición dos cativos e cativas participantes instalacións de primeiro orde, a beira do río, con vestiario, ximnasio, hangar de embarcacións, embarcadoiro e un espazo natural pechado para xogar o aire libre. Ademais haberá piraguas tanto de iniciación coma de competición, medios de seguridade, chalecos salvavidas ademais de adestradores e monitores especializados”.

Noticias relacionadas