Concello e ABANCA ofrecen unha APP gratuíta para facilitarlle á veciñanza o pago de impostos locais

"É un avance máis no pago telemático, para facelo máis doado e accesible, e que se suma ás ferramenta de pago online que ofrece o Concello dende o 2009", subliñou Lara Méndez

A aplicación está dispoñible dende hoxe mesmo tanto para dispositivos android como iOS co nome de Concello de Lugo. Descargarase no idioma no que esté configurado o dispositivo móbil. Funciona 24 horas ao día e 365 días ao ano

Lugo é o segundo Concello que vai dispoñer desta aplicación, tras o da Coruña, e a cuarta institución, tras as Deputacións de Coruña e Ourense e a entidade local coruñesa

Luns, 08 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e ABANCA ofrecen unha APP gratuíta para facilitarlle á veciñanza o pago de impostos locais

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Director Territoral de Abanca en Lugo, Walter Álvarez, o Director de Banca Institucional e o Director de Innovación desta entidade, Santiago Novoa e Eduardo Aldao, respectivamente, presentaron este luns unha nova aplicación móbil para facilitarlle á veciñanza o pago de impostos locais a través de smartphones ou tablets, sen custo adicional, nin para o Concello nin para os lucenses.  Trátase pois, dunha aplicación informática que permitirá ás persoas contribuíntes o pagamento de recibos, para o que soamente será necesario ter descargada esta aplicación e dispoñer dunha tarxeta de débito ou crédito.

No acto de presentación deste novo servizo, na que tamén estivo presente a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a rexedora destacou que esta APP é "un avance máis no pago telemático, para facelo máis doado e accesible, e que se suma ás ferramentas de pago online que ofrece o Concello dende o 2009".

Ademais, subliñou a aposta do Concello pola aplicación da e-administración, por facilitarlle á veciñanza as xestións administrativas, e lembrou que Lugo é cidade beneficiaria do Lugo Smart City, cun orzamento de 4,1 millóns de euros para converter Lugo en cidade intelixente e sostible. Así mesmo, incidiu na colaboración público-privada para desenvolver iniciativas en beneficio da veciñanza, como é esta aplicación.

24 horas ao día, 365 días ao ano

Pola súa banda, Álvarez agradeceu a colaboración do Concello por contar con ABANCA para esta aplicación, que foi deseñada e desenvolvida por esta última entidade, e está dispoñible dende hoxe mesmo tanto para dispositivos android como iOS co nome de Concello de Lugo. A aplicación descargarase no idioma no que esté configurado o dispositivo móbil.

Santiago Novoa destacou que "con esta App, poñemos a disposición de todos os veciños e veciñas de Lugo un servizo sinxelo, áxil e coa maior axilidade, dispoñible as 24 horas do día e os 365 días do ano, que lles evita desprazamentos e incomodidades para atender o pago dos tributos locais".

Pola súa banda, Eduardo Aldao fixo fincapé no desenvolvemento desta aplicación, que "se enamrca dentro da estratexia dixtial que estamos impulsando no banco, coa que buscamos ofrecer aos nosos clientes o mellor servizo posible. Hai unha evolución clara de cara a solucións vinculadas á mobilidades e nosoutros estamos realizando un gran esforzo para estar á vangarda de todas estas tendencias en medios de pago".

Pago de recibos en dous pasos

A aplicación permite realizar o pagamento do recibo en dous cómodos pasos. Primeiro elíxese cómo se introducen os datos do recibo (facendo unha foto coa cámara do móbil ou tableta ao código de barras, introducindo os números do código de barras ou escribindo os datos do recibo) e, a continuación, hai que teclear os datos da tarxeta para efectuar o pagamento. Para axilizar a introducción de datos, tanto da tarxeta como do recibo, a ferramenta permite engadilos facéndolles unha foto coa cámara do dispositivo.

A aplicación conta, ademais, cun asistente que axuda ao usuario a formalizar o pagamento de recibos guiándoo en todo o proceso. O abono de recibos a través desta aplicación informática é gratuíto, sen ningún tipo de comisión.

Lugo é o segundo Concello que vai dispoñer desta aplicación, tras o da Coruña, e a cuarta institución, tras as Deputacións de Coruña e Ourense e a entidade local coruñesa.

Audio

Noticias relacionadas