O Executivo de Lara Méndez sufraga a liña de colaboración con Cruz Vermella e Alume para que estas entidades ofrezan asistencia nas súas instalacións ás persoas sen fogar.
O Concello dispón alén dunha vivenda para uso transitorio no que se propicia a reinserción social e económica e se brinda apoio para recuperar a autonomía persoal.

O Executivo de Lara Méndez vén de revalidar o seu compromiso coa atención a transeúntes renovando a colaboración que o Concello de Lugo mantén con Cruz Vermella e Alume a través do programa municipal ‘Sen Teito’.
Logo de autorizarse o convenio esta semana en Xunta de Goberno, a área de Benestar Social que dirixe Olga López Racamonde, destinará 90.000 euros anuais a esta iniciativa que contempla varios eixes de actuación.
A edil explicou que “se ben, un dos obxectivos fundamentais é detectar a persoas que poidan atoparse en situación de rúa, ofrecéndolle os recursos dispoñibles, estes pasan, entre outras prestacións, por unha atención diúrna nas propias instalacións destas entidades, onde poden facer uso – no Caso da Cruz Vermella - de duchas, vestiarios, aseos, cociña e lavandería, e inclúe igualmente a realización de diferentes actividades encamiñadas a adquirir habilidades que favorezan a súa integración”.
A este respecto, a concelleira lembrou que Benestar facilita tamén unha vivenda para o uso transitorio no que persoas en vías de reinserción social e económica reciben apoio e formación para dotarse dos recursos que lles permitan recuperar a súa autonomía.
“Ano tras ano mantemos a vontade máxima de atallar a fraxilidade que sofren estas persoas e de evitar novos casos cunha abordaxe integral dende todas as perspectivas posibles: sanitaria, social, laboral, etc. Unha finalidade á que destinamos todos os recursos que resultan precisos e que xa neste mesmo exercicio se incrementaban nun 15% con relación as necesidades que había antes da chegada da pandemia”, asegurou López Racamonde, ao tempo que lembrou que, para aquelas situacións nas que sexa necesario ou se considere conveniente, o programa ‘Sen Teito’ ofrece tamén aloxamento en hostais da cidade.