Comeza o III Día do Emprendemento de Lugo cunha xornada chea de actos

Xoves, 15 de maio de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, por Agustín Merino, Vicerreitor Adxunto de Investigación e Proxeción Exterior da USC, Luis García, Presidente da Fundación CEL, Alfredo Mosteirín, Presidente da Cámara de Comercio e Rubén López, Vicepresidente da Asociación de Jóvenes Empresarios, foron os encargados de inaugurar oficialmente a III Edición do Día do Emprendemento.

Como xa ven sendo habitual nos últimos anos, o Salón de Actos do CEI-NODUS acolle esta iniciativa na que participan numerosos mozos e mozas lucenses e tamén de fóra, que están sacando adiante ou pensan poñer en marcha unha iniciativa empresarial.

López Orozco destacou a importancia do traballo en conxunto “o protagonismo non leva a ningún sitio, si a coordenación, o traballo conxunto, as ideas comúns son as que fan grandes ás persoas e permiten unha mellor evolución da cidade e da provincia”.

O Alcalde quixo agradecer a presenza das autoridades e o traballo dos organizadores “o traballo ao servizo das persoas é a política en maiúsculas”. López Orozco destacou ademais o grande respecto que dende o Concello se ten aos emprendedores e aos empresarios “eles crean riqueza e postos de traballo necesarios para que unha cidade avance”.

Este ano, o Día do Emprendemento ten lugar nunha única e intensa xornada que comeza ás 9:30 horas e non remata ata as 20:00 horas. Polas instalacións municipais do CEI pasarán relatores que contarán experiencias persoais e estratexias interesantes para acadar o éxito das súas empresas.

O acto comeza cunha mesa redonda de emprendedores baixo o título Quero ser emprendedor: cóntame a túa historia.

Participan nesta mesa redonda:
Guillermo Martínez, xerente de “Casa Grande de Xanceda”; Nuria Varela Portas de Orduña, xerente de “Pazo de Vilane”; Sergio Horacio Quiroga Rivero, xerente de “Ecocelta”; David Calvo Fernández, xerente de “Alabaja.com”; Iago Soto Mata, socio fundador de “Quobis Networks, S.L.” e Jorge Sierra, socio fundador de “Hoopshype.com”. Será moderadora María Ángeles López Cabarcos, Profesora do departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC.

Ás 12:30 comezou a segunda intervención a cargo do presidente executivo de Blusens, José Ramón García.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, ten lugar relatorio sobre as mulleres emprendedoras, co nome O espertar das emprendedoras. As relatoras serán Loreto Fernández, profesora da Área de Economía Financeira e Contabilidade e directora da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora; Eva López Barrio, directora de Woman Emprende da USC, Yohanna Lemos González promotora de Inbiogal, S.L. e Ana Castro López, promotora de Casa de Baixo.

Ás 18:30 horas comeza a conferencia A variña do éxito empresarial, da man de José Luis Briones Ramos, Director Xeral de Alquimia Emprendedora, S.L.

Ás 19:30 horas a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, asiste ao acto de clausura no que terá lugar un recoñecemento á primeira promoción emprendedora que deixa xa as instalaciósn do viveiro de empresas CEI-NODUS logo de cumprir os prazos previstos polo centro e consolidarse no mercado.

Noticias relacionadas