Celébrase en Lugo a xuntanza anual da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas

Venres, 25 de novembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Xuventude deu a coñecer que este fin de semana se celebra en Lugo a asemblea anual da Asociación Española de Fiestas y Recreaciones Históricas ( www.fiestashistoricas.es ) que xunta a socios de todos os puntos de España nos que se celebra algunha festa con temática histórica.

A cidade de Lugo foi a escollida para esa xuntanza ao celebrarse este ano o décimo aniversario do Arde Lucus, unha festa que ano a ano se consolida como unha destacada celebración con temática romana e que ademais este ano foi declarada Festa de Interese Turístico Galego.

Para esta xuntanza está confirmada a asistencia de membros de asociacións que organizan as seguintes festas: Astures e Romanos de Astorga, Carthaxineses e Romanos de Cartaxena; as Guerras Cántabras de Los Corrales de Buelna de Cantabria; a Festa da Historia de Ribadavia; a Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia; as Bodas de Isabel Segura de Teruel, e as Xustas Medievais de Passo Honroso en Hospital de Órbigo.

Os actos comezaran hoxe venres cunha recepción no Concello ás 20:00 horas, e na que seguidamente darán paso a unha visita polo recinto histórico. Na xornada do sábado manterán diferentes reunións para aprobar contas, a elaboración de informes de xestión e a posta en común da situación en cada unha das festas. O punto final desta xuntanza será o sábado ás 21:00 horas no Hotel Méndez Núñez, cunha cea de gala temática na que cada membro das asociacións irá vestido cos traxes das súas respectivas festas e na que están invitados representantes de diferentes asociacións do Arde Lucus.

Noticias relacionadas