Benestar Social e Maiores abre o prazo de inscricións para unha viaxe cultural a Allariz o vindeiro 30 de abril

As e os interesados en reservar algunha das 50 prazas ofertadas poderán apuntarse entre os vindeiros días 21 e 23, en horario de 9.00 a 13.00 horas, no centro social da Milagrosa.

A excursión inclúe visitas aos museo do Coiro e do Xoguete, unha andaina pola beira do río e un percorrido polo seu centro, declarado Conxunto Histórico Artístico.

A edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, destaca a “boa aceptación deste tipo de saídas culturais, que contribúen ao ocio saudable e a favorecer a socialización”.

Domingo, 13 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar Social e Maiores abre o prazo de inscricións para unha viaxe cultural a Allariz o vindeiro 30 de abril

A área de Benestar Social e Maiores xa está a preparar unha nova viaxe cultural para as e os maiores de Lugo, que terá como destino a vila de Allariz, unha das localidades máis fermosas da provincia de Ourense. A excursión terá lugar o vindeiro 30 de abril polo que desde mañá, día 21 e ata o mércores 23, as e os interesados poderán inscribirse para realizar a reserva entre as 50 prazas ofertadas. Este trámite se poderá facer de xeito presencial no Centro de Convivencia da Milagrosa, durante esas tres xornadas, en horario de 09.00 a 13.00 horas, cun custo de 4,12 euros.

A edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, destaca a “boa acollida e aceptación deste tipo de saídas culturais, que contribúen ao ocio saudable e a favorecer a socialización, evitando polo tanto situacións de illamento entre os nosos maiores”.

A viaxe partirá as 09.00 horas da Praza de Bretaña con destino a Allariz, unha vila na que están previstas varias visitas culturais aos museos do Coiro e do Xoguete; unha andaina pola beira do río e, por suposto, un percorrido polo que é un dos centros históricos máis fermosos da provincia de Ourense. De feito, foi declarado Conxunto Histórico Artístico e tamén distinguido co Premio Europeo de Urbanismo, pola súa coidada rehabilitación e remodelación, conservando e poñendo en valor a forte pegada medieval que caracteriza a unha vila que foi residencia de reis durante o Medievo. Está previsto que o regreso sexa ás 20.00 horas, á mesma Praza de Bretaña.

Noticias relacionadas