Avanzan as obras da pasarela peonil da N-VI coa instalación, este xoves, da súa estrutura central, para o que se habilitarán desvíos

Os traballos levaranse a cabo en horario nocturno para minimizar o impacto sobre o tráfico. Sinalizaranse dous desvíos en ambos sentidos de circulación

Os seguintes pasos contemplan a construción das ramplas, a colocación de varandas, así como a instalación de alumeado e a humanización do itinerario

Este proxecto, co que se mellorará a comodidade de acceso ao Miño e ao estadio Anxo Carro, enmárcase na estratexia DUSI, financiada ao 80% con fondos FEDER

Mércores, 16 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Avanzan as obras da pasarela peonil da N-VI coa instalación, este xoves, da súa estrutura central, para o que se habilitarán desvíos

As obras de construción da nova pasarela peonil sobre a Nacional VI continúan avanzando, co obxectivo de ofrecer aos cidadáns unha nova vía de acceso a pé e en bicicleta á zona fluvial dende o casco urbano de Lugo. Así, unha vez instalados nas pasadas semanas os dous piares sobre os que se sustentará a pasarela, mañá, xoves procederase á colocación do vano central.

Este proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae que o Goberno de Lara Méndez puxo en marcha para unir a trama urbana da cidade co Río Miño, a través da zona do Carmen. A rexedora apuntou que “con esta actuación seguimos avanzando no noso modelo de cidade verde, apostando por unha mobilidade máis sostible, ofrecendo novas alternativas, co obxectivo de reducir o uso do vehículo e as emisións de CO2”.

Os traballos levaranse a cabo entorno ás 23:00 horas, aproveitando o inicio das restricións nocturnas de mobilidade e, polo tanto, a menor afluencia de vehículos. Neste senso, ao redor dunha hora antes desviarase o tráfico dos dous sentidos de circulación, para o que se habilitará a sinalización oportuna, de tal xeito que:

  • En sentido Madrid: desviarase polo ramal que vai ao centro comercial, permitindo a súa reincorporación á nacional pola saída existente nas inmediacións do campo de fútbol.
  • En sentido Coruña: desviarase polo ramal que vai á Avenida dos Deportes, virando na rotonda e reincorporándose de novo á Nacional.

Haberá un momento no que será necesario cortar o tráfico, durante aproximadamente uns 10 minutos, que será cando se coloque o vano da pasarela sobre os dous piares. O resto do tempo, bastará con desvialo polos dous ramais mencionados. No caso de que se acumulase moita retención, daríase saída ao tráfico polos desvíos propostos e volveríase a cortar ata ter o vano completamente colocado.

Unha vez finalizados estes labores, os seguintes pasos contemplan a construción das ramplas de acceso, a colocación de varandas e elementos de seguridade, así como a instalación de alumeado e a humanización do itinerario coa instalación de elementos de mobiliario urbano. A previsión é que as obras poidan quedar finalizadas a finais do primeiro trimestre do próximo ano.

A empresa encargada de efectuar os traballos é Construcciones Taboada y Ramos, logo de ser seleccionada pola Mesa de Contratación, tras presentar a mellor oferta (971.250 €). Con esta estrutura créase un novo itinerario para peóns e bicicletas que favorecerá a continuidade do casco urbano de Lugo á zona do río Miño, pois na actualidade soamente existen accesos peonís mediante pasos inferiores, ademais de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial.

Este proxecto, co que se mellorará a comodidade e seguridade de acceso ao Miño e ao estadio Anxo Carro, dando resposta, ao mesmo tempo, a unha vella demanda da cidadanía lucense, enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae do Concello, cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Multimedia

  • Avanzan as obras da pasarela peonil da N-VI coa instalación, este xoves, da súa estrutura central, para o que se habilitarán desvíos
  • Avanzan as obras da pasarela peonil da N-VI coa instalación, este xoves, da súa estrutura central, para o que se habilitarán desvíos

Noticias relacionadas